A Plataforma “PACs Contra o Decretazo” anunciou o seu apoio á concentración convocada con motivo da folga da Atención Primaria, prevista para o vindeiro xoves 23 ás 11:00 horas diante da sede do Sergas en Santiago de Compostela.

O colectivo considera que o acordo acadado na Mesa Sectorial do pasado día 15 non dá resposta ás demandas do persoal dos Puntos de Atención Continuada (PAC), que levan semanas mobilizándose contra a reforma que introduce cambios na organización da asistencia sanitaria, especialmente nas quendas dos sábados pola mañá.

Segundo a plataforma, o principal obxectivo segue a ser a retirada do decreto que incorpora esa franxa horaria como xornada ordinaria. Neste sentido, critican que o acordo asinado entre a Administración e varias organizacións sindicais, coa excepción da CIG, non resolve o problema de fondo e pode supoñer, na práctica, unha reorganización do traballo que incremente a carga asistencial.

O colectivo advirte de que os cambios previstos poderían derivar nunha concentración da atención nos PAC, reducindo a actividade nalgúns centros de saúde e obrigando á cidadanía a desprazarse para recibir asistencia. Tamén sinala que esta reorganización podería implicar unha menor dispoñibilidade de profesionais en determinados servizos e unha maior presión sobre os equipos existentes.

A plataforma está conformada por médicas, persoal de enfermaría, persoal de servizos xerais, celadoras, condutores e telefonistas, que participan de maneira unida nas mobilizacións en defensa das súas condicións laborais e da calidade da atención sanitaria.

Desde “PACs Contra o Decretazo” insisten en que a situación actual require unha revisión máis ampla do modelo asistencial e reclaman á Consellería de Sanidade a apertura dun proceso de negociación directa co colectivo afectado. Ao mesmo tempo, anuncian que manterán o calendario de mobilizacións ata lograr cambios na proposta normativa.

A concentración do día 23 enmárcase nunha serie de protestas que buscan visibilizar o malestar existente entre os profesionais e trasladar á Administración a necesidade de garantir unha atención sanitaria pública accesible e de calidade.