O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, participou esta mañá no acto da sinatura da Acta de Recoñecemento da Liña de Fronteira no Río Miño, xunto con membros da Armada Española e da Marinha Portuguesa, ademais de representantes dos concellos galegos e das cámaras municipais portuguesas situadas ao longo desta fronteira. Esta ratificación, que se produce cada ano, dá cumprimento ao recollido no artigo 15 do Tratado de Lisboa de 1864, no que se define a fronteira entre España e Portugal e que o ano próximo cumpre 170 anos de vixencia.

Pedro Blanco quixo destacar o simbolismo do acto “por canto é mostra da unidade desta rexión miñota, dos pobos que desde hai séculos comparten este espazo, os seus recursos e a súa cultura” e remarcou que España e Portugal se dan a man grazas ao río Miño. O delegado incidiu tamén no significado desta Acta de Recoñecemento, xa que é exemplo da “irmandade e a cooperación crecente entre as nosas administracións e os nosos pobos”.

As autoridades españolas embarcaron nas instalacións da Comandancia Naval de Tui no patrulleiro “Cabo Fradera”, no que se trasladaron ao encontro do patrulleiro portugués “Río Minho”. Coas dúas embarcacións fondeadas nas augas do río Miño, asináronse as actas de recoñecemento fronteirizo de maneira conxunta. Concretamente, asinaron os alcaldes da Guarda, O Rosal, Tomiño, Tui, Salvaterra de Miño, As Neves e Arbo do lado español e os dos municipios de Caminha, Vilanova de Cerveira, Valença e Monçao do lado portugués.
Comandancia Naval do Miño.

A Comandancia Naval do Miño, pertencente ao Ministerio de Defensa, é a institución encargada de velar polo cumprimento dos tratados internacionais subscritos entre España e Portugal relativos ao Tramo Internacional do Río Miño. O Comandante Naval de Tui, Andrés Díaz-Ripoll, copreside, xunto co Capitán do Porto de Caminha, a Comisión Permanente Internacional do Río Miño, máximo órgano de decisión sobre as propostas relativas ás condicións do Tramo Internacional do Miño.