Nos últimos estudos encargados polo Ministerio de Fomento e ADIF, o Goberno de Estado valoraba soterrar un pequeno tramo da vía, que eliminaría o paso a nivel pero mantería a barreira que supón a día de hoxe o paso do tren polo centro da vila. “Unha posición que vén de confirmar o delegado do Goberno na súa recente visita ao Porriño, na que manifestou a intención do PSOE de seguir defendendo unha solución parcial”, sinalou o candidato do BNG, Pedro Pereira.

«Alejandro Lorenzo tampouco reclamou no ano e medio que leva de Alcalde un proxecto máis ambicioso e comprometeuse no pleno a solicitar unha reunión de todos os grupos da corporación con ADIF e incumpriu”, declarou Pereira, para quen o PP deixa claro «o pouco interese que ten en avanzar na resolución desta histórica demanda veciñal».

O BNG defende unha actuación que elimine o paso a nivel pero que á vez sirva para conectar o casco urbano co espazo verde do Louro e con Torneiros, «gañando ademais un gran espazo público en superficie sobre a vía soterrada. Non existen problemas técnicos que impidan levar a cabo esta proposta. Trátase exclusivamente de falta de vontade política por parte dos sucesivos gobernos do Estado. PP e PSOE deberían explicar á veciñanza o porqué da súa posición. O Bloque defende a mesma solución para a vía do tren fale no Porriño ou en Madrid”, sinalou Pereira, lembrando as iniciativas presentadas polo Bloque no Concello e no Congreso defendendo unha solución que non hipoteque o futuro do Porriño.

“Se lideramos o goberno a partir do 28 de maio, demandaremos un soterramento da vía do tren máis amplo. ADIF debe planificar unha obra desta importancia atendendo as necesidades do Porriño e investir os recursos públicos necesarios. O BNG atende só o interese da veciñanza e está libre das ataduras que tanto PP como PSOE teñen cos seus gobernos en Madrid”, sinalou Pedro Pereira, que anunciou que o BNG non descarta unha campaña de mobilización entre a veciñanza para defender os intereses do Porriño como pobo.