Leon Hirszman

A vixésima edición de Play-Doc, Festival Internacional de Cinema, que terá lugar do 1 ao 5 de maio na cidade de Tui e contará cunha serie de retrospectivas, focos, restauracións e sesións especiais que se complementarán con programas competitivos e outras actividades.

Nesta ocasión, ademais da anunciada homenaxe dedicada a William Friedkin, Play-Doc presentará unha ampla retrospectiva do realizador brasileiro Leon Hirszman –a primeira fóra de América Latina–, a presentación internacional das primeiras curtametraxes do británico David Gladwelle a estrea mundial da restauración de Kriegsende, da cineasta alemá Viola Stephan. Ademais, con motivo do 50 aniversario da Revolución dos Caraveis, o festival presentará unha proxección especial da emblemática As armas e o pobo.

Leon Hirszman

Tras a súa prematura morte, aos 49 anos, o nome de Leon Hirszman foi crecendo en recoñecemento no cinema brasileiro. Parte inicial do grupo fundador do Cinema Novo –a súa primeira curtametraxe, Pedreira de São Diogo, formou parte de Cinco vezes favela, película fundacional dese movemento–, Hirszman dirixiu películas que puxeron ao descuberto, entre os anos 1960 e 1980, as profundas contradicións arraigadas na formación social de Brasil. Herdeiro do realismo e cun forte compromiso político, Hirszman foi así mesmo particularmente sensible á música popular, que consideraba unha manifestación social e a auténtica representación colectiva da tradición cultural brasileira, producindo algúns dos documentos máis valiosos da historia do samba.

Na súa primeira retrospectiva europea, Play-Doc recupera as súas catro longametraxes máis importantes: A falecida (1965), São Bernardo (1972), Eles não usam black-tie (1979) e o seu filme póstumo ABC da greve (1990), ademais de catro curtametraxes que mostran as súas distintas facetas artísticas e temáticas: Pedreira de São Diogo (1962), Maioria absoluta (1964), Nelson Cavaquinho (1969) e Partido alto (1982). María Hirszman, a súa filla, acudirá a Tui para falar do legado do seu pai.