Podemos expresou a súa preocupación polo encargo do goberno local do PP á consultora Pw Advisory & Capital Services para avaliar a posible privatización da recollida de residuos e da limpeza de rúas e praias.
Podemos considera que este informe presenta “deficiencias evidentes” e “carece do rigor necesario para xustificar un cambio de modelo de xestión”. «A consultora de Juan Pablo López Heras, imputado por delitos de malversación de caudais públicos agravada na Operación Lezo, un dos maiores casos de corrupción do Partido Popular, limitouse, por exemplo, a repetir os mesmos gastos durante os próximos dez anos, sen prever variacións nos salarios nin subas do IPC ou dos combustibles», sinala Agustín Silva, voceiro da formación local.
O mesmo tempo indica «que podiamos agardar, tendo en conta que esta consultora tamén foi asesora habitual en procesos de privatización de servizos públicos en diversos municipios e cidades do Estado como a de Ourense, no que contribuiu na suba das taxas da auga».
A formación amosou a súa preocupación pola falta de imparcialidade e a conveniencia do encargo. “Resulta, cando menos, preocupante que o PP confíe un estudo tan sensible a unha consultora con ese historial e lamentamos que, tal e como actúa habitualmente o Partido Popular, xa sabemos de antemán cal será a conclusión: a privatización”, afirmou Silva.
O portavoz tamén considera que o Partido Popular actúa «con hipocrisía, ao recoñecer e rexeitar na oposición xa en 2022, que unha eventual privatización do servizo encarecería o recibo do lixo para os veciños. Parécenos inaceptable que se pretenda poñer en mans privadas un servizo esencial que encarecerá un 25 % o recibo das veciñas e veciños de Baiona e, ademais, facelo apoiándose nun informe da consultora dun imputado por malversación”, advertiu Silva.
Desde a oposición, Podemos Baiona presentou alegacións ao documento antes do seu envío ao Consello Consultivo de Galicia, co «obxectivo de mellorar, cando menos, o seu contido e defender a xestión pública dos servizos municipais. Lamentablemente, aínda que no pleno de outubro a voceira do PP afirmou que as nosas alegacións foran rexeitadas, a realidade é que ata a data non nos chegou notificación oficial ningunha, polo que solicitaremos a acta da sesión e presentaremos un escrito esixindo unha certificación do envío e recepción desa ‘suposta resposta’».
Con todo, o voceiro da formación lembra que, «se o obxectivo, sexa do PP ou de calquera outro partido que goberne, é deixar en mans privadas a limpeza, a recollida de residuos ou calquera outro servizo municipal en Baiona, nos terán sempre fronte”, concluíu Silva.
