Podemos Galicia

Podemos Galicia anuncia que solicitará ante a Xunta Electoral estar presentes nos debates previstos tanto o 14 de xaneiro en RTVE como o 5 de febreiro na CRTVG. Dende a formación argumentan que a lei electoral inclúe neste formato televisivo tanto aos partidos con representación no Parlamento coma a outras forzas políticas relevantes do país.

Neste senso, os morados alegan que contan con 5 deputados no Congreso, así como co 23% dunha coalición que en Galicia sacou 175.000 votos e dous escanos o pasado 23 de xullo. “Os dereitos electorais das coalicións son compartidos entre os partidos que as forman”, sinalan fontes do partido.

Dende a formación encabezada por Isabel Faraldo recalcan que xa existen precedentes neste senso, toda vez que nas eleccións autonómicas de 2020 a CRTVG celebrou un debate atendendo a 7 este mesmo criterio.

Podemos Galicia tamén rexeitou a proposta do BNG dun debate “a dous” entre Rueda e Pontón. Neste senso, lembran á organización nacionalista que en 2020 a propia Pontón considerou que a proposta lanzada polo PSdeG dun debate Feijóo-Caballero era “limitar o pluralismo político”. Fontes da formación destacan que “defendeu o pluralismo político cando lle favorecía, pero cando se sinte forte, pretende pasar a apisoadora”.