Podemos Galicia presentará un recurso ante a Xunta Electoral pola súa exclusión do debate electoral convocado pola Corporación de Radio e Televisión de Galicia.

Dende a formación argumentan que segundo os criterios mencionados pola proposta remitida pola directora de campaña do Partido Popular, Paula Prado, Podemos debería estar incluído no debate. Dito criterio, o de ter conseguido representación en Galicia nas eleccións xerais do pasado 23 de xullo, incluiría a Podemos Galicia, xa que, segundo fontes da formación, “o que se presentou ás anteriores eleccións foi unha coalición firmada con Podemos a razón de un 23%, polo que nos corresponde a parte proporcional dos dereitos electorais. En termos xurídicos, Podemos cumpre co criterio de ter obtido representación nas pasadas elección xerais”.

A candidata Isabel Faraldo declarou que, “a nosa exclusión non se debe a un criterio xurídico se non político, este é o enésimo intento de intentar que Podemos non teña voz propia. Os traballadores de CRTVG levan anos denunciando o control político dos medios públicos por parte do Partido Popular. O último episodio foi a folga contra a vergoñenta cobertura do desastre medio ambiental dos pellets. Loitaremos para que a voz de Podemos estea presente no debate”.