A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na presentación da lista do BNG na Guarda ás eleccións municipais do 28M, que encabeza Anxo Baz como candidato á Alcaldía, convencida de que a cita coas urnas traerá un goberno do Bloque capaz de abrir un tempo novo de futuro no concello.

“Esta presentación é o principio do cambio histórico que vai experimentar A Guarda cando a partir do 28 de maio teña un goberno liderado polo BNG con Anxo Baz como alcalde”, proclamou, “o principio dun tempo novo que imos abrir neste concello, un tempo de progreso, de avance, de futuro que vai deixar atrás a parálise e a falta de rumbo no que está sumido este municipio”.

A portavoz nacionalista subliñou que “A Guarda merece máis, merece un proxecto de goberno sólido, solvente, con ideas, con propostas para mellorar a vida dos veciños e veciñas”, e destacou que o BNG ten ese proxecto no seu modelo municipal de éxito, que funciona, como demostra alí onde goberna.

E non fai falta ir moi lonxe para comprobalo”, recalcou, en referencia aos concellos de Tomiño e O Rosal, “convertidos en referentes da comarca e da provincia, concellos que pasaron da decadencia ao progreso, que hoxe están vivos e con dinamismo económico, social e cultural. O que estamos facendo neses concellos e o que queremos facer aquí”, indicou.

Neste sentido, Pontón puxo o foco nos sinais de identidade do modelo municipal que o BNG quere  poñer en marcha na Guarda, “cun proxecto que promove o comercio e o tecido empresarial local; no que as persoas pasan a ser o centro da actuación política, con servizos públicos de calidade”. Un proxecto que defende “un concello en verde, sustentable, cun urbanismo humanizado, con espazos públicos de calidade para o encontro e a convivencia da xente”.

O modelo municipal do Bloque para A Guarda, afondou, “aposta polos seus sectores produtivos como a pesca, por potenciar o patrimonio arquitectónico e natural” tendo en conta ademais, a importancia de poñer en marcha medidas que aporten “unha vida cultural intensa, diversa e plural, que defenda a nosa lingua e que aproveite todas as oportunidades de compartir fronteira co veciño Portugal en todos os eidos”.

Queremos un concello feminista, igualitario, onde a mocidade poida desenvolver os seus proxectos persoais e profesionais, en definitiva, queremos unha Guarda orgullosa, que mire ao futuro con optimismo”, sintetizou Pontón, deixando claro que o BNG ten o proxecto, o equipo e a persoa para facelo posible.

“Anxo, e o excelente equipo de homes e mulleres que o acompañan na candidatura, está preparado para gobernar este concello, para levar a cabo unha auténtica transformación en positivo, que mellore a vida da xente”, recalcou, de feito xa desde a oposición o Bloque demostrou a súa capacidade aportando unha proposta e unha solución a cada crítica ou problema, sempre en diálogo directo coa veciñanza.

Sei que ides saír a por todas, sen poñervos límites, con humildade pero coa máxima ambición para darlle a este concello un futuro mellor liderando o próximo goberno municipal, desde a confianza de ter un gran proxecto e como candidato unha persoa con experiencia, con solvencia e con amor por A Guarda. Serás un gran alcalde, Anxo”, concluíu Pontón.