“O cara a cara do bipartidismo viejuno e rancio deixou aínda máis claro que o BNG é a alternativa real ao PP en Galiza”, proclamou no mitin da Guarda a portavoz nacional, Ana Pontón, para quen o “show” protagonizado polo “centralismo de toda a vida” deixou en evidencia que as forzas estatais non teñen nada que ofrecerlle a Galiza, “salvo barullo e máis barullo”.

Cada escano máis do Bloque é un menos para Feijóo”, manifestou nunha chamada a votar o 23X en clave de País enchendo as urnas de votos BNG para ter un grupo galego forte que defenda Galiza en Madrid e poña freo a un PP cada vez máis ultra de ganchete coa extrema dereita.

“En Galiza sabemos moi ben quen é o candidato do PP, como e para quen goberna”, asegurou, lembrando «a herencia que deixou tras trece anos como presidente da Xunta: Menos rural, menos sanidade pública, menos emprego, menos sectores produtivos, menos vivenda, menos dereitos, máis emigración, máis precariedade, máis débeda pública, máis ataques a nosa lingua e a nosa cultura”.

Por iso, sostivo, «o PP segue a vetar o debate proposto polo Bloque na TVG en horario de máxima audiencia, un debate ao máximo nivel que agora é máis necesario para que as galegas e os galegos coñezan de primeira man as propostas que fai cada forza política para defender os seus intereses no Congreso».

“Pero non se vai producir porque nestes catro anos quedou claro que un só deputado do BNG foi máis útil para Galiza que os 22 restantes das forzas estatais, que nada fixeron máis que discriminarnos”, afondou, para engadir que se o debate que o  Bloque propuxo non ten lugar é porque as forzas estatais quedarían coas “vergoñas ao aire”.

Pontón denunciou na Guarda algunhas das consecuencias que ten para xente do País «o agravio das forzas centralistas e garantiu que unha representación forte do BNG no Congreso fará valer o sector pesqueiro no reparto de cotas de pesca ou contra os recortes que soporta un sector estratéxico para o País». 

A líder do BNG cargou tamén contra “o espolio eólico que bendicen as forzas estatais, unha ameaza máis para o noso litoral e para o medio de vida de miles de traballadores e traballadoras”. “E todo para que o lobby eléctrico siga engordando os seus millonarios beneficios”, denunciou.

“É o momento de defender Galiza” e de dar unha “resposta contundente” co voto ao BNG, sabendo que os seus deputados e deputadas non van fallar na defensa dos intereses do País e actuarán como “muro de contención” contra a involución nos dereitos e liberdades que representan os “pactos da vergoña do PP de Feijóo e a extrema dereita», concluíu.

Freo á desfeita da eólica mariña

A cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, abordou a necesidade dun tren de proximidade Vigo-Viana que conecte a comarca do Baixo Miño e o territorio raiano con Portugal, ao tempo que lembrou a urxencia de poñer en marcha unha tarxeta de cidadanía transfronteiriza para facilitar a mobilidade laboral e social á veciñanza ao un lado e outro do Miño.

Destacou que cando o BNG foi determinante conseguiu máis investimento e unha rebaixa histórica nas peaxes da AP-9. “Aínda queda moito por facer, queremos que a AP9 sexa galega, pública e libre de peaxe, e para iso precisamos un grupo galego forte en Madrid”, salientou. En relación ás infraestruturas, recalcou o compromiso de defender ante o Estado a saída Sur de Vigo e a mellora da alta velocidade con Portugal.

Igualmente, deixou claro que como deputada no Congreso traballará para frear o espolio  eólico mariño, que na Guarda tradúcese nun proxecto para instalar máis de 20 aeroxeradores próximos á desembocadura do Miño, “unha desfeita” para a pesca local.