A portavoz nacional, Ana Pontón, participou nun acto de Galiza Nova en Vigo desde onde deixou tres mensaxes claras para a mocidade: que voten como fixeron nas eleccións galegas repetindo o seu apoio masivo ao BNG; que convenzan aos seus maiores para que sumen a súa papeleta á forza na que eles confían para defender o seu futuro e que ninguén quede na casa o 29N.

O BNG foi a forza máis votada pola mocidade nas autonómicas, onde máis do 50% dos menores de 45 anos optaron pola formación nacionalista, e Pontón apela a esa xente nova “orgullosamente galega, rebelde e inconformista” para que repita ese apoio masivo ao Bloque.

“Este 29N a mocidade galega vai facerse valer coa papeleta do BNG, voto a voto podemos mover o mundo e podemos demostrar que hai unha alternativa diferente, que non temos que resignarnos ás políticas de sempre que nos levaron ata aquí nin, por suposto, imos aceptar esa marcha atrás que quere levarnos a unha involución que representan as dereitas”, apelou Pontón.

Esa alternativa é o BNG, subliñou, “que lle vai dar voz á mocidade galega en Madrid, defender o seu dereito a unha vivenda digna, a ter un salario decente e a facer os seus proxectos de vida aquí. Polo tanto, viremos a historia, conquistemos os nosos soños coa papeleta do BNG votando con ilusión, con forza, con decisión, con inconformismo e con rebeldía”, proclamou.

Pontón pediu unha gran mobilización nas urnas para que “ninguén quede na casa” e nesa mobilización inclúe convencer aos maiores e que tamén collan a papeleta na que máis confían.

“Sodes moitos mozos e mozas as que ides votar ao BNG para darvos un futuro aquí e creo que os pais e as avoas deben ter isto en conta; pensar que se ese é o voto que escollen os seus fillos e netas é porque confían no BNG como garantía de futuro. E por iso quero pedirlles que nesta ocasión, –pais e nais, avós e avoas-, collan tamén a papeleta do BNG, polo futuro dos seus fillos, polo futuro das súas netas, que voten BNG porque non lles imos fallar”, apelou a líder nacionalista, convencida de que nin a mocidade galega nin Galiza van avanzar da man “dos que só miran para Madrid”.

Os soños da mocidade galega non caben no bipartidismo, explicou Pontón, quen instou a facer realidade eses soños é todos a unha co BNG. “Temos que loitar polo noso, defender Galiza, defender unha vida digna aquí e a maneira de facelo é coa papeleta do BNG”, recalcou, ao tempo que botaba por terra o relato de que a xuventude é de dereitas, “en Galiza non”.

“Sigamos coa ilusión que estamos notando nesta campaña, sigamos agrandando esa onda de simpatía cara ao BNG e convencendo a toda xente que hoxe está indecisa que a mellor forma de gañar o seu futuro é concentrar o voto no Bloque, ter máis forza en Madrid para defender o dereito da mocidade galega a unha vida digna en Galiza”, concluíu.

Pola súa parte, a cabeza de lista por Pontevedra, Carme da Silva, chamou á mocidade  a converter a súa rebeldía e o seu inconformismo nunha forza capaz de cambiar as cousas e decidir o seu futuro da man do voto ao BNG.

Destacou que a xente moza está na primeira liña das grandes loitas sociais, mobilizándose pola vivenda, o feminismo, o clima, os dereitos sociais, a defensa da lingua e contra as guerras e pola paz. “A mocidade galega responde, está demostrando que quere ser protagonista do seu futuro”, subliñou, reivindicando unha xeración que non se resigna, que non renuncia e que non acepta que o seu futuro teña que escribirse lonxe da súa terra.

A nacionalista expresou tamén o seu orgullo pola loita da xente nova en Galiza fronte ao avance dos discursos reaccionarios, defendendo máis igualdade, máis liberdade, máis dereitos e máis democracia. “Unha mocidade que sabe que non hai futuro sen conquistas sociais, sen feminismo, sen respecto á diversidade e sen orgullo de ser quen somos. Fronte á ameaza da involución, nin medo nin resignación!”, sentenciou.

Da Silva apelou a que toda a forza mobilizadora da mocidade que se ve nas rúas se traslade  ás urnas. “Porque votar tamén é unha forma de rebelarse, é unha forma de dicir que non nos conformamos, que queremos máis e que temos dereito a decidir”, afirmou, chamando a converter a indignación, a ilusión e o compromiso da xente nova nun voto ao BNG.

“Temos unha oportunidade para facer que a voz da mocidade galega se escoite con forza”, sinalou, defendendo unha Galiza con oportunidades, dereitos e capacidade para decidir, na que vivir, traballar e desenvolver os proxectos de vida no País non sexa unha carreira de obstáculos. “O 29N, que a rebeldía tamén se vote, que se vote Galiza, que se vote BNG!”, concluíu, no acto coa mocidade de Galiza Nova, no que tamén participaron Artai Gaviás e Nuno Galán, candidatos ao Congreso, e Marta Gómez, candidata ao Senado.