A portavoz nacional, Ana Pontón, participou na cea mitin celebrada para presentar a candidatura de Sandra González á Alcaldía de Tomiño e arrancou a súa intervención proclamando que a actual rexedora “é a mellor alcaldesa da historia de Tomiño e seguirá sendo a mellor alcaldesa da historia de Tomiño a partir do 28 de maio”.

A líder do BNG amosuse convencida de que a inmensa maioría da veciñanza quere continuar “o camiño de éxito iniciado en 2007 para que o este concello continúe como referente de dinamismo económico, social e cultural, porque a maioría quere que Tomiño siga avanzando, progresando, mellorando, mirando con ilusión e con optimismo o futuro”, alegou.

Sandra González, con todo o seu equipo, indicou Pontón xa fixeron historia nun municipio  “ao que hoxe se mira con admiración porque Tomiño é un concello modernizado, participativo, con servizos públicos de calidade, cun urbanismo renovado e pensado para as persoas, amigo da infancia, cunha intensa axenda cultural”, subliñou. Aos logros do actual goberno local que lidera a candidata, a portavoz nacional do Bloque engadiu a vitalidade da relación co outro lado do Miño.

Tomiño é un concello aberto ao mundo, que non se pecha en si mesmo, senón que fala con resto da comarca, de Galiza e con seu veciño Portugal. A relación política, económica, social, de servizos que o goberno do BNG ten establecido cos nosos veciños ao outro lado do Miño, sobre todo con Vilanova de Cerveira, é un exemplo do que deberían tomar nota o Goberno da Xunta e até o Goberno do Estado”, destacou.

A portavoz nacional subliñou da actual alcaldesa que representa a capacidade do BNG para transformar en positivo os concellos, cun  modelo municipal de éxito, que funciona, que sabe xestionar, que transforma vilas e cidades a favor da veciñanza.

Onde gobernamos transformamos, construímos concellos con calidade de vida, exemplos de democracia participativa, capaces de sacarlle partido a cada euro, concellos feministas, sustentables, honestos. Onde gobernamos aplicamos política social, practicamos un urbanismo para as persoas, e fomentamos o orgullo polo noso, pola nosa lingua e a nosa cultura”, enumerou Pontón.

E ese  modelo municipal de éxito é o que queremos estender por todo o País par a construír unha Galiza en grande, concello a concello. “Nas vilas e nas cidades que lideramos está a Galiza posible que queremos, demostrando que confiando nas nosas capacidades, en nós mesmas, nas nosas propias forzas, somos capaces de grandes logros”, argumentou, e aí está o exemplo de Tomiño.

E nese camiño aspira a continuar a partir do 28 de maio, cunha candidatura que combina experiencia e renovación, “que ten un programa de goberno realista e ambicioso, adaptado ás necesidades deste concello que Sandra coñece como a palma da man e polo que sente un amor e un orgullo infinitos».

Sei que Sandra ao longo destes 16 anos tense ganado a confianza dos veciños e veciñas, porque os feitos, máis que as palabras, falan por nós. E os feitos son un Tomiño que foi a máis até converterse nun modelo a seguir, por iso sei que a ilusión da militancia, dos simpatizantes e da veciñanza segue máis viva que nunca e vai ter o seu reflexo nas urnas, porque ninguén quere volver ao pasado, cando se ten construído un presente luminoso e con tanto futuro”, explicou na súa intervención.

E tamén se me permitide quero destacar o liderado das mulleres. Precisamos moitas Sandras, mulleres nacionalistas, feministas e alcaldesas para construír concellos máis libres para todas, e para representar este tempo no que as mulleres deixamos claro que somos presente e futuro.

Por todo isto e moito máis, o próximo 28M só hai unha alternativa real: que este concello siga liderado pola mellor alcaldesa da historia para que Tomiño siga o seu avance imparable, convertido nun concello de referencia do que vos sentides orgullos e orgullosas de vivir”, concluíu a líder do BNG.