O Presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, asinou esta mañá en A Guarda un convenio de colaboración coa Confraría de Pescadores desta localidade e a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) para apoiar o XIV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que se celebrará neste municipio entre 0s días 11 e 14 do mes de xullo.

O evento, que terá como un dos seus principais escenarios o peirao guardés, contará coa colaboración de Portos de Galicia como administración responsable desta instalación. Deste xeito, e en base ao acordo asinado esta mañá na sede da Confrafía da Guarda, Portos de Galicia contribuirá ao evento mediante a instalación temporal dun pantalán adicional para as embarcacións participantes no evento.

Este pantalán estará formado por dous módulos de 12 metros de lonxitudes e 3 metros de ancho, unha pasarela de 20 metros de lonxitude e 2 metros de ancho e o resto de elementos que sexan necesarios para a reinstalación en destino. O importe desta actuación ascende a 15.000 euros.

O presidente de Culturmar, Manuel García Sendón, agradeceu a colaboración de Portos e salientou o feito de que a sinatura do convenio sexa, por vez primeira, a tres partes (Portos, Culturmar e a Confraría), “porque a cultura mariñeira sen a achega da comunidade mariñeira actual, perde bastante sentido”. García Sendón destacou, neste senso, a confluencia práctica de movemento asociativo que se dá no Encontro.

Cultura e lecer conviven no Encontro

O Encontro, que ten este ano como patrocinadores principais á Xunta de Galicia e Deputación de Pontevedra, consiste nunha gran concentración de embarcacións tradicionais representativas do patrimonio marítimo galego, así como doutras zonas xeográficas, acompañados de actos culturais e de lecer, xornadas de conferencias, coloquios, exposicións, publicacións, música e danza tradicional, artesanía, etc.

Os encontros dinamizan sectores como a carpintería de Ribeira, os efectos navais, artesáns e, sobre todo, para conservar e divulgar o Patrimonio Marítimo Galego, potenciando os atractivos turísticos das comunidades da beiramar e axudando a un turismo sustentable, tal e como recomendan os diversos proxectos que está a desenvolver a Comisión Europea.