FOTO PP DE A GUARDA

A voceira do grupo provincial de PP, Nidia Arévalo, e o deputado Julio Alén, visitaron a rúa Concepción Areal, de A Guarda, acompañados pola voceira local do partido, Conchi Ortega e criticaron que «a rúa está cada vez nun estado máis lamentable, cun deterioro evidente provocado pola falta total de mantemento«. 

Explicaron que «a pesar de que hai máis de ano e medio desde que a presidenta da Deputación, Carmela Silva, se comprometeu en público a mellorar esta estrada, a día de hoxe non hai data para as obras e os veciños continúan padecendo problemas de seguridade vial neste acceso ao Porto”.

Os usuarios teñen que esquivar cada día socavóns e os peóns interpretar onde están os pasos para cruzar a vía. Hai falta de seguridade e moitos problemas de tráfico nunha das principais arterias do concello”, denuncia Conchi Ortega.

Para os populares, as disputas internas que hai entre PSOE e BNG sobre o que queren para esta concurrida rúa, están lastrando a súa situación. “Hai máis de ano e medio desde que comprometeron a mellora desta estrada, e neste tempo, nin deron pasos para executar o proxecto, nin houbo nin unha soa tarefa de mantemento xustificándose no inicio de unhas obras que non chegan”, critica a voceira local.

Nidia Arévalo apunta que “este é un exemplo claro do ritmo desta nova Deputación, xa pasaron 20 meses e os veciños continúan esperando unha solución que non chega, pero o peor de todo, é que esta estrada está cada día máis deteriorada”. Por iso, afirma que, “é fundamental que non perdan nin un minuto máis e se responsabilicen do seu mantemento mentres solucionan as súas desavinzas internas sobre o proxecto, porque coa súa inoperancia están prexudicando aos veciños da Guarda”.

Nidia Arévalo esixe a Carmela Silva “que cumpra a súa palabra e o seu compromiso. Hai miles de testemuñas que escoitaron a súa promesa en 2015 durante o pregón das Festas do Monte, as mesmas que a día de hoxe comproban o seu incumprimento e falta de xestión”.