Fuente de la calle A Cal en A Guarda

O Grupo Popular da Guarda vai defender, para o seu debate na próxima sesión plenaria, unha moción na que se lle esixe ao Goberno local a finalización do proxecto e das obras da urbanización da Rúa a Cal.

Unha moción presentada do CCD que non pode defender ao non ter representación municipal e que asume o Partido Popular. A voceira popular, Conchi Ortega, explica que “desde o PP preguntamos en varias ocasións ao grupo de Goberno por esta última fase de urbanización da rúa a Cal, pero as respostas foron ambiguas e nada satisfactorias. Ao coñecer por rexistro que o CCD presentara esta moción e non a pode defender no pleno, pensamos que primeiro son os veciños afectados e non as siglas, decidimos como grupo asumila como propia e defendela no próximo pleno ordinario de xaneiro”.

A Rúa a Cal foi urbanizada polo Goberno local no tramo desde a Rúa Enrique María Sexto ata a Rúa Circunvalación, con cargo a varios plans do anterior Goberno da Deputación, pero falta a zona de riba, a que pasa pola Fonte da Cal por urbanizar, “un agravio comparativo entre veciños da mesma rúa”, critica Conchi Ortega.

A voceira do PP explica que “agora que sabemos o reparto do Plan Concellos da Deputación, no que lle corresponden por poboación máis de 700.000 euros á Guarda, cremos que é o momento de que se finalicen as obras desta rúa de unha vez”.

O grupo de Goberno xa non ten desculpas posibles para non abordar a execución da obra, non só o proxecto, que poña fin a esta discriminación de estes veciños da Rúa A Cal, na zona da Cruzada, unha rúa moi transitada tamén polos resto de guardeses que queren acceder á Fonte da Cal” expón Ortega.