«O alcalde de Gondomar ven de remitir aos clubs de fútbol de Gondomar, o Gondomar CF e o Gondomar FB, un oficio no que lles obriga retirar de xeito inmediato as vallas publicitarias que teñen no peche exterior dos campos das Gaiandas e de As Cercas, co argumento de que non foron autorizadas. Este feito foi posto en coñecemento da voceira do PP de Gondomar por varios pais que teñen os seus fillos nas diferentes categorías inferiores de fútbol», sinala a voceira Paula Bouzós.

«O grave desta decisión e que se ordena a metade de temporada, cando os clubs teñen a publicidade contratada e cobrada para toda a campaña. Este feito vai levar os clubs a ter grandes problemas financeiros que poderían abocar nas súas desaparicións. De feito, segundo puido saber o PP gondomareño por boca de varios pais, o Gondomar F.B. está valorando a posibilidade de dar de baixa algún equipo das categorías inferiores así como o equipo feminino, que son os que se financian con estas publicidades», indica.

“Estamos unha vez mais ante un impulso do Sr. Ferreira, que é a tónica habitual da súa forma de gobernar, sen analizar o máis mínimo as graves consecuencias que poden traer”, matiza a voceira popular.

Recorda Bouzós «como o alcalde presumía nas redes sociais de apoiar o fútbol base no mes de setembro cando se asinou o convenio co Gondomar CF e co Gondomar FB, ou no mes de outubro cando se reunía co presidente da federación galega de fútbol para a substitución do céspede que agardamos se faga neste verán como prometeu o Sr. Ferreira, ou no torneo solidario de Nadal. Agora que se quitou a mascara estamos vendo a verdadeira cara do alcalde, que con estas resolucións fraco favor estalle facendo o deporte en Gondomar».