Contenedores de basura en el puerto de A Guarda

O Partido Popular da Guarda pide ao Concello que ofreza maior información aos veciños sobre o novo regulamento do lixo que entrou en vigor o pasado 30 de decembro.

Así, propoñen que se publique un especial do Boletín de Información Guardés, onde se dea a coñecer de xeito didáctico o contido deste novo regulamento, como por exemplo, cales son os novos horarios para depositar o lixo e que multas conlevará o seu incumprimento, e que se encargue aos profesionais locais a creación de un cartel informativo con todos os datos máis relevantes.

Será a través de unha moción que defenderán o xoves no pleno municipal e na que, ademais, tamén suxiren que se habiliten paneis en diferentes lugares do municipio para a pegada de carteis, e así evitar a proliferación de publicidade no mobiliario público.

A voceira local do PP, Conchi Ortega, recorda que “o PP votou en contra deste regulamento porque só se lexislan as esixencias dos cidadáns e as sancións, e se esquece de recoller cales son as obrigas do concello, como por exemplo, a limpeza do contedores de lixo ou a frecuencia da recollida. Ademais, tampouco inclúe a obriga de manter os espazos públicos en perfecto estado de salubridade e seguridade. Así, a popular lamenta que este documento saíse aprobado sen atender ningunha das alegacións que presentaron os grupos da oposición e que, polo menos no caso dos populares, atendían algunhas das demandas dos propios vecinos”.

Ademais, Conchi Ortega critica que “a pesar de que leva un mes en vigor, os veciños descoñecen cal é o seu contido, polo que dificilmente poderán cumprir coa norma e, o peor de todo, corren o risco de ser sancionados aínda sen saber que están facendo algo mal”. Como exemplo, apunta que posiblemente descoñezan que se lles vai cobrar cando leven ao Punto Limpo máis de dous capachos con restos de obra.