ALFREDO

Dende a Asociación de Persoas Afectadas polas Enchentes dos ríos Miñor e Zamáns , «levamos traballando, advertindo e, mesmo colaborando cando nolo permiten, coas diferentes Administracións con competencias no asunto, dende a nosa constitución como Asociación no ano 2022», indican.

Agora, a catástrofe sufrida en Valencia por mor dunha destrutiva DINA, vén poñer enriba da mesa todas as problemáticas que teñen que ver con estes fenómenos atmosféricos, que polo que anuncian os científicos cada vez serán máis frecuentes e destrutivos.

«Pois ben, salvando as diferenzas entre o acontecido no Levante e as enchentes que se teñen dado na nosa comarca, e obviamente manifestando a nosa solidariedade e cariño coas miles de persoas afectadas por tanto sufrimento, por estarmos convencidos que parte desa destrución e sufrimento se puideron evitar coa previsión e actuacións necesarias, é polo que volvemos reiterar publicamente que se se actúe con antelación para non ter que lamentar despois», comentan dende a Asociación.

Afirman neste sentido que no que respecta ao Concello de Gondomar «estamos agardando porque o Sr. Alcalde nos autorice a manter unha xuntanza co equipo técnico que está redactando o PAMRI (Plan de Acción Municipal do Risco de Inundacións). A entrevista foi solicita o 6/10/23 e seguimos agardando».

Aseguran que no mes de maio de 2023 puxeron en coñecemento da Fiscalía de Vigo os baleirados indiscriminados do encoro de Zamáns «que tanto nos afectan, sobre todo cando se fan sen ter en conta as crecidas do Miñor e do Zamáns ou as mareas, así como a ausencia do preceptivo Plan de Emerxencia, algo que como afectados nos produce arrepíos os días de moita chuvia, pois ben, a Fiscalía non considerou motivos abondo para intervir por considerar esas carencias ou actuación irregularidades ou infraccións administrativas».

Indican tamén que en setembro deste ano presentaron en tempo e forma unha serie de suxestións ao Plan de Inundación de Galicia (DOG nº152 de 7 de agosto de 2024 publica a RESOLUCIÓN do 22 de xullo de 2024 pola que se anuncia a apertura do período de consulta pública do documento-borrador da revisión e actualización do estudo preliminar do risco de inundación da demarcación hidrográfica de Galicia Costa (ciclo 2028-2033), pedindo asemade unha entrevista cos responsables do mesmo «sen que até agora obtiveramos resposta máis alá que nos deron as grazas por participar».

«No mesmo mes de setembro solicitamos outra entrevista cos responsables políticos da Deputación de Pontevedra da área de infraestruturas para falar dun asunto para nós clave e que nos preocupa moito, como é o atoamento dos ollos nas pontes da Xunqueira, da Ponte de Mañufe e da apertura dun novo ollo na Ponte da Barga en Donas, todas elas responsabilidade da Deputación. O inverno vén aí e seguimos agardando. Obras ben sinxelas que axudarían a resolver ou a diminuír en parte as enchentes«, afirman dende a Asociación.

Por último, instan ao Sr. Alcalde de Gondomar a negociar con Augas de Galicia a realización das obras para aliviar o asolagamento da vila, sen esquecer a situación na que quedaría o Barrio da Ponte en Mañufe.

«Como exemplo de colaboración queremos destacar as actuacións levadas a cabo pola Demarcación Sur de Augas de Galicia no ano 2023, e que grazas a limpeza e á retirada das árbores caídas no leito do Río Miñor puidemos pasar un inverno sen enchentes e sen incidencias graves polo temporal do pasado outubro«, comentan.

«É por iso que insistimos que as Administracións con competencias nestes asuntos: Concello, Deputación e Xunta, colaboren e axuden a resolver e sobre todo para evitar, males maiores», finalizan