Presentación da toponimia de Vilaza

A parroquia de Vilaza súmase a Chaín, Couso, Mañufe, Borreiros e Donas coa recollida da toponimia que se presentará o sábado 16 de xuño no Centro Cultural cun roteiro e unha charla.

O Concello de Gondomar avanza cara o seu obxectivo de recoller a toponimia de todo o municipio cunha nova parroquia completada. O traballo, realizado coa colaboración do Instituto de Estudos Miñoráns rematou coa xeolocalización de 438 topónimos, entre muíños, veigas, vivendas, cotos ou montes. Ademais, esta recollida inclúe tamén tradicións, lendas e historias aportadas polos veciños que forman parte, xunto coa toponimia, do patrimonio cultural inmaterial da parroquia.

A toponimia pode consultarse nas páxinas web do Concello de Gondomar e do Instituto de Estudos Miñoráns, onde o mapa da parroquia mostra os topónimos xeolocalizados no territorio.

A presentación será o sábado 16 de xuño ás 18:30 da tarde. Comezará cun roteiro guiado por Antonio Soliño e Noelia Pérez, con punto de partida no Centro Cultural de Vilaza, durante o cal os veciños poderán coñecer un pouco mellor O Barreiro e o seu pazo, os camiños e as presas da zona. A continuación terá lugar a presentación no Centro Cultural.

A recollida foi realizada por Noelia Pérez Blanco e Rita Fernández Domínguez.