O Instituto de Estudos Miñoráns, IEM, convídaos a asistir este venres 27 de abril, ás 20:30 horas, á presentación do libro “Serra da Groba. A formación da paisaxe do que son autores Xurxo Pérez Pintos e Xosé María Bouzó Fernández.

Esta edición fíxose grazas ó esforzo persoal dos autores, financiada na súa maior parte por eles. Contou coa axuda de varias comunidades de montes: Santa Mariña do Rosal, de Viladesuso e Oia, así como as asociacións de A Jalleira e o IEM.

Este libro é o resultado dun traballo realizado hai 25 anos para un dos Paseos Pedagóxicos que os autores veñen levando a cabo dende aquela ata a actualidade, e no que se reflicte unha visión da actuación do home sobre a paisaxe, neste período de tempo que se deu en chamar antropoceno.

A Serra da Groba é un espazo onde se xuntan xeoloxía, arqueoloxía, botánica, etnografía para ofrecernos un mosaico artellado en capas que os ollos expertos dos autores amósannos dun xeito sinxelo e didáctico, facéndonos máis doada a lectura e interpretación da paisaxe da Serra da Groba.

O acto será presentado por Xilberte Manso, membro da xunta de Goberno do IEM. A xornada desenvolverase na Aula de Cultura Ponte de Rosas, Avenida da Feira Nº 10 baixo, Gondomar.