BRAIS MARTÍNEZ

Entre os cambios experimentados pola sociedade actual na última década, está o aumento da consciencia e da sensibilidade pola protección e a defensa dos animais en xeral, e dos de compañía en particular.

Un cambio de mentalidade que a día de hoxe xa é unha demanda social evidente, que mesmo conseguiu do Lexislativo a aprobación de diferentes leis nesa dirección, e que no caso de Galiza deu lugar á “Lei 4/2017, do 3 de outubro, de protección e benestar dos animáis de compañía en Galicia”.

Con estes datos sobre a mesa, Manifesto Miñor levará o vindeiro Pleno do 7 de novembro, unha moción para asinar un acordo coas protectoras de animais para recoller os gatos en Gondomar.

O voceiro de Manifesto Miñor, Antonio Araújo, indicou que «chegou o momento de actuarmos como hai unhas semanas fixo o Concello veciño de Baiona, e outros…… Se ben é certo que o Concello de Gondomar ten resolto parcialmente esta cuestión, e digo parcialmente porque da recollida de animais abandonados quedan fóra os felinos«.

Na Comarca do Val Miñor como mínimo actúan, e teñen a súa sede, dúas protectoras: Proxecto Gato e Baisenpulgas, con sede en Gondomar, «o que sen dúbida facilitaría a recollida e tratamento destes animais polo feito da proximidade«, sinalou Araújo.