Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos

Este mañá presentouse diante do Concello a Plataforma Veciñal por un Gondomar con Servizos (PVGS), no que participaron medio cento de persoas. No acto foi lido a varias voces e por  persoas veciñas de diversas parroquias do municipio, un manifesto fundacional da Plataforma e realizouse unha primeira recollida de sinaturas de apoio á constitución da mesma e de adhesión ás súas reivindicacións.

Así mesmo, fixouse a data para a primeira asemblea en que se designará a portavocía da Plataforma así como as accións a desenvolver no futuro inmediato. A reunión será o vindeiro luns, 29 de xullo, ás 20:30h no CDL de Gondomar.

Desde o grupo constituínte convidan a asistir a esa asemblea a cantas persoas teñan interese en sumarse á Plataforma que nace logo do debatido na asemblea aberta celebrada o pasado 26 de xuño de 2024 no Auditorio Municipal Lois Tobío de Gondomar.

Froito do debate a respecto da carencia ou deficiencia de servizos básicos municipais como o saneamento ou a subministración de auga no conxunto das parroquias do concello, a veciñanza presente concordou de xeito unánime na necesidade de constituír unha Plataforma veciñal para reclamar colectivamente a prestación deses servizos por parte do Concello de Gondomar.

Asimesmo acordaron facer convocatoria aberta á veciñanza e aos medios de comunicación á concentración en que se dará lectura ao manifesto fundacional e se realizará a recollida de sinaturas de apoio á constitución da Plataforma e de adhesión ás súas reivindicacións.