O que contaron de nós Chan de Brito no século XX
CEDIDA // Carlos Gómes Costas, autor do libro

O 1 de marzo presentouse na escola de Chan de Brito o libro «O que contaron de nós, Chan de Brito na prensa do século XX«, escrita recentemente polo veciño Carlos Gómes Costas e promovida pola Asociación Chandebrito 1807.

O caderno, de 32 páxinas, contén unha selección das noticias de maior interese daquelas que integraron a exposición realizada durante varios meses na antiga escola de Chan de Brito, local social desta Asociación dende xullo de 2015. Cada un destes artigos de prensa leva ao seu carón un resume, e algúns deles van comentados polo propio autor.

Naquela ocasión, logo dun importante traballo de búsqueda en nove xornais galegos, escolléronse pouco máis de 70 noticias publicadas en nove xornais galegos durante un século (de 1898 a 1999), época na que o uso da internet no país era inexistente.

Esta iniciativa tivo como obxectivo devolver á veciñanza a memoria histórica da parroquia. Foron ducias de chandebriteños os que visitaron a mostra de noticias, moitas delas descoñecidas pola gran maioría.

Unha das primeiras publicacións sobre o lugar, o 26.05.1891, é o anuncio no Boletín Eclesiástico do Bispado de Tui sobre a subasta de obras de reparación e ampliación da igrexa (cun orzamento base de 3.750 ptas.),

Algunhas relataban sucesos tráxicos, como aquel día do ano 1903 no que se produciu un tiroteo nas Tomadas contra dous veciños, ou aqueles nos que as festas da parroquia víronse alteradas polas brutais agresións entre algúns dos asistentes.

Outras deron a coñecer cuestións moito máis felices, como a creación no 1923 da primeira escola pública, ou do sindicato de agricultores no 1936 –que non durou máis que uns poucos meses, ao estalar a Guerra Civil-, o da chegada da luz eléctrica no 1953, ou a celebración dunha multitudinaria competición do xogo da chave no 1962.

Tamén se seleccionaron recortes de sucesos curiosos, como o premio de 15.000 ptas. concedido no 1959 a unha parella (primeiros veciños dos que saiu foto na prensa) por concebir a 16 fillos. Outro grande bloque de noticias ten que ver coa difusión do interesante patrimonio cultural da zona, que comezou a finais dos anos 1970 e principios dos 80. Pero sen dúbida un dos apartados de maior orgullo para a veciñanza é o do importante traballo desta desenvolto para poder contar con servizos precisos para a colectividade: a rehabilitación da escola, as traídas de auga, os accesos viarios á parroquia…

Todas aquelas persoas que desexen obter un exemplar deste libro poden contactar con esta Agrupacion no correo electronico chandebrito1807@gmail.com .