Presentase en Santiago o proxecto audiovisual “O Himno”, da tomiñesa Andrea Pousa

O novo proxecto audiovisual “O Himno por Andrea Pousa”, producido por Queiman e Pousa con arranxos de Nani García, conmemora o centenario do pasamento de Eduardo Pondal, autor da súa letra, e o cento décimo da estrea do himno galego no Teatro Nacional da Habana.

O compostelán Pazo de San Roque acolleu hoxe pola mañá o acto de presentación, no que participaron, canda aos seus autores, Enrique Domínguez (O Bruxo Queiman) e a tomiñesa Andrea Pousa, os secretarios xerais de Política Lingüística e da Emigración, Valentín García e Antonio R. Miranda, respectivamente, e mais a directora xeral de Relacións Institucionais e Parlamentarias, Blanca García-Señoráns.

O proxecto audiovisual «O Himno por Andrea Pousa» está producido por Queiman e Pousa (Enrique Domínguez) e Andrea Pousa e revisa e actualiza o himno galego composto por Eduardo Pondal e Pascual Veiga con arranxos musicais de Nani García. Inclúe un documental, dous videoclips, un making of e unha unidade didáctica para ensino primario e secundario.

O documental está baseado en entrevistas con diferentes fundacións de autor galegas (Eduardo Pondal, Curros Enríquez, Rosalía de Castro…) e a destacados persoeiros da cultura e da lingua galegas (Xesús Alonso Montero, Xosé Luís Méndez Ferrín, Antonio Reigosa…). Os videoclips conteñen a interpretación do himno galego por Andrea Pousa, acompañada pola Macedonian Symphonic Orchestra e outros músicos de Galicia, con arranxos de Nani García.

Pola súa banda, o making of dá conta das diferentes rodaxes e visións sobre o novo proxecto, mentres que o libro recompila información acerca da historia do himno a través doutras 18 entrevistas. O proxecto conta coa colaboración da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística.