balneario
CEDIDA

Os beneficiarios, de 24 concellos diferentes, desfrutarán dunha estancia de seis días e cinco noites nun dos sete establecementos dispoñibles en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín

O presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López, anunciou a relación de persoas admitidas no programa de termalismo social +Benestar, a través do cal máis de 1.000 persoas maiores de 55 anos de 24 concellos de Vigo e do sur da provincia poderán desfrutar de estancias en balnearios, talasos ou spas da provincia.

O obxectivo desta iniciativa, tal e como detallou o presidente provincial, é facilitar o acceso a actividades de ocio saudable e envellecemento activo en establecementos hostaleiros e , ao mesmo tempo, dinamizar o sector turístico durante os períodos de menor actividade.

En concreto, estas 995 persoas trátanse de 20 veciñas e veciños da Cañiza, 60 da Guarda, 2 de Arbo, 11 das Neves, 9 de Baiona, 22 de Covelo, 11 de Crecente, 3 de Fornelos de Montes, 33 de Gondomar, 1 de Mondariz, 1 de Mondariz-Balneario, 65 de Mos, 116 de Nigrán, 70 do Porriño, 33 do Rosal, 4 de Oia, 3 de Pazos de Borbén, 6 de Ponteareas, 111 de Redondela, 52 de Salceda de Caselas, 3 de Salvaterra de Miño, 46 de Soutomaior, 18 de Tomiño, 70 de Tui e 225 de Vigo. En total, o programa, que arranca este domingo 3 de novembro coas primeiras saídas, ofrece estancias de seis días e cinco noites nun establecemento termal para as preto de 2.200 persoas empadroadas na provincia que se beneficiarán de +Benestar.

O programa de termalismo da Deputación desenvólvese en sete establecementos termais da provincia, situados en Sanxenxo, Mondariz, O Grove e Lalín (Gran Talaso Hotel Sanxenxo, Balenario de Mondariz, Hotel Carlos I Silgar, Talaso Hotel Louxo La Toja, Hotel Spa Norat Torre do Deza, Hotel Spa Galatea e Hotel Nuevo Astur Spa). Ademais da estadía, o paquete comprende pensión completa (coas bebidas incluídas); o uso do spa, do balneario ou doutras instalacións de características similares un mínimo de dúas horas ao día; e o traslado de ida e volta en autobús aos establecementos desde os concellos de Vigo ou Pontevedra.