Desfile entroido Tui (Archivo)

Preto de 850 persoas e 13 carrozas pertencentes a 10 comparsas de Tui, Tomiño, Salceda, Gondomar, e Redondela participarán o próximo martes, 5 de marzo, no Desfile-Concurso de Entroido en Tui.

Comezará ás 17.30 horas para realizar un percorrido polas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense e A Guarda. O martes 5 é festivo local en Tui.

Repartiranse 5.600€ en premio, 400€ en trofeos, e 3.500€ en asignacións fixas por participación. Nos premios este ano introduciuse coma novidade a “concorrencia” na puntuación do Premio Xeral, na que se terá en conta o número de participantes, que se sumará a actualidade do tema elixido, o vestiario, a parodia, o acompañamento musical e a existencia ou non de carroza. Nesta categoría xeral haberá sete premios con trofeo e unha dotación económica que oscilará entre os 700€ e os 100€.

Tamén se outorgarán seis premios en carrozas que oscilarán entre os 400€ e os 150€, catro en acompañamento musical dotados con entre 300€ e 150€, e un único premio en fantasía cun importe de 250€. En total repartiranse 5.600 € en premios, aos que se deberá sumar os 400€ nos que están valorados os trofeos, e os 11.000 € reservados como fixos por participación.

Mentres o xurado delibera e tras a entrega de premios actuará a orquestra Finisterre. En caso de choiva o desfile aprazarase para o domingo 17 de marzo.

Restricións no tráfico

Debido á celebración do desfile concurso de Entroido haberá unha serie de restricións no tráfico. Así o martes 5 de 14:00 a 21:00 horas estarán pechadas ao tráfico e non se poderá estacionar nas rúas Casal Aboy, Compostela, Betanzos, Irmáns Maristas, Ourense, A Guarda e Mondoñedo. Amais o tramo da rúa Ourense entre a rúa Lugo e a rúa Compostela estará pechada ao tráfico e non se poderá estacionar dende ás 10:00 do martes 5 ata ás 2:00 h do mércores 6.

Enterro do Bacallau

O domingo, 10 de maio, celebrarase o Enterro do Bacallau como da despedida do Entroido de 2019. No mesmo participarán as dez comparsas que o martes entran a concurso, estando amais aberto a todos aqueles que desexen sumarse.

O Enterro sairá ás 19.30 horas dende a Praza de San Fernando, percorrendo a rúa Seixas, Porta da Pía, Ordóñez, e Corredoira, onde fará unha parada para ler as coplas. Continuará logo polo mesmo percorrido que en anos anteriores pola praza da Inmaculada, Augusto González Besada, rúa Lugo e remate na traseira da Área Panorámica onde será queimado o bacallau.

As persoas que desexen ler as coplas, deberán cumprir os requisitos recollidos nas bases, que establecen que se deberán entregar por rexistro de entrada o mércores 6 de marzo de 9:00 a 14:00 horas e se lerán coa cara descuberta cun tempo máximo de 5 minutos.