Nun comunicado de prensa o PSdeG-PSOE de Tui responde o Partido Popular sobre as queixas que os populares verteron en torno o peche de catro semanas da praza de abastos «que é froito do acordo entre Concello e praceiros pola seguridade de todos nun transcurso final da obra que se está a executar«, afirman os socialistas.

Indican dende o PSdeG que o portavoz popular, Nico Montes, «non repasou as medidas que o goberno do que formaba parte tomou. Concretamente o día 11 de novembro de 2014 pecharon a praza tamén catro semanas para remodelar o seu interior», e valoran as diferenzas entre os dous peches do mesmo período de tempo.

«No peche do PP invertéronse 200.000 euros dos cales perderon o 60% da subvención que se lle concedera; moi lonxe dos 1,3 millóns de euros que se inverten na nova praza de abastos do goberno actual, que ten subvencionado o 80% do seu valor total. No peche do PP acometeuse unha reforma interior que deixou á praza nas condicións lamentables que todos recordamos; agora mesmo, na nova praza de Tui, estase a executar unha obra que cambia por completo as instalacións por fóra e por dentro«.

Asimesmo os socialistas comentan que os populares «non contentos con todo o que non fixeron, despois do peche, decidiron non licitar os postos dos praceiros, deixándoos nunha situación de inseguridade laboral e xurídica arrepiante; despois da obra que se está a executar agora mesmo, a praza terá unha nova ordenanza adecuada á normativa vixente e unha licitación dos postos que mellorará as condicións e a seguridade dos vendedores. Ademais, o novo mercado municipal será presentado a incluírse na rede de mercados excelentes de Galicia».

Para o PSdeG «o PP ten mala memoria, ou só queren embarrar o debate político. A realidade é que o PP de Nico Montes non cambiou. Por moitas trabas e pedras que se poñan no camiño da nova praza de abastos, Tui terá as instalacións de calidade que merece un mercado que é internacional e referencia na zona».

Por último, recordan que a praza, antes de comezar as obras xa en novembro de 2023, acondicionouse con fondos da propia subvención para que os praceiros puideran continuar o maior tempo posible na instalación mentres se facía a obra, «xa que era a opción preferida por eles». «Agora mesmo, o avanzado estado da obra e a súa inmediata finalización provocan que sexa imposible a compatibilidade, polo que todos os esforzos están postos en que o peche sexa o menor tempo posible. O esforzo virase recompensado, porque a obra que se está a executar vai mellorar por completo unhas instalacións que xa levaban moito tempo nunhas condicións absolutamente lamentables para a imaxe de Tui e dunha praza que é un dos símbolos da nosa Eurocidade», rematan.