As xestións para dotar á Guarda da Saída Sur ao Porto foran xa iniciadas a principios de marzo de 2017, ano no que o anterior alcalde, Antonio Lomba, solicitou á Deputación de Pontevedra presidida pola socialista Carmela Silva, a redacción do proxecto desta infraestrutura, vinculada á humanización de Concepción Arenal.

«Despois de anos de trámites e antes do remate da anterior lexislatura, conseguíase o informe favorable de Patrimonio ao proxecto proposto. E, en xuño de 2023, co mandato de Carrero xa iniciado, publicábase no DOGA o informe favorable da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, que definitivamente daba luz verde ao proxecto de construción dun novo acceso ao porto da Guarda«, explican dende o PSOE.

Segundo os socialistas, «unha vez feitos estes trámites, que realmente eran os máis complicados, o actual alcalde debería ter movido ficha neste asunto durante este ano, pero non foi así. Fai unhas semanas solicitamos acceso ao expediente para saber en que punto se atopaba o tema, e cando nolo deron puidemos comprobar que todo o procedemento quedara paralizado xusto no punto no que nós o deixáramos».

«Todo isto ven a demostrar -din- que todos eses asuntos que parecían preocuparlle tanto a Carrero cando estaba na oposición e sobre os que facía tanta demagoxia, agora pasaron a un segundo ou terceiro plano e preguntámonos se este goberno vai a seguir paralizando todos os proxectos importantes para A Guarda, e se Carrero vai a seguir no seu papel de alcalde ausente os próximos tres anos de lexislatura».

«Tamén nos gustaría saber se Roberto vai a preocuparse nalgún momento dos asuntos da Guarda, porque aínda que vaia aos eventos e se saque fotos para aparentar actividade, este alcalde non lle dedica suficiente tempo ao Concello, e ás probas nos remitimos: subvencións perdidas, proxectos paralizados, falta de mantenemento, ausencia de novas iniciativas, etc», apuntan dende o PSOE da Guarda.

Os socialistas afirman que levarán a pleno unha moción para que o equipo de goberno teña que comprometerse a seguir adiante con este proxecto, «e sobre todo, non se perdan todos os avances feitos desde 2017, avances aos que custou moito esforzo e tempo chegar».