O  Centro Goianés acolle este xoves, ás 20:00 horas, unha asemblea comarcal do Baixo-Miño de «Queremos Galego», no que a plataforma de entidades en defensa da nosa lingua perfilará a gran manifestación nacional que terá lugar o 23 de febreiro, Día de Rosalía, entre a Alameda de Santiago e a Praza do Obradoiro.

Todas as entidades e persoas que o desexen poden participar nesta asemblea para avaliar a situación da nosa lingua, así como na definición das accións a realizar partindo da proposta de puntos mínimos e medidas urxentes exposta en novembro por «Queremos Galego», para comezar a reverter a emerxencia lingüística e repoñer o noso idioma en todos os espazos onde está excluído.

Desde «Queremos Galego», recordan que «os datos de uso e coñecemento do galego que ofrece o IGE evidencian o estado de emerxencia lingüística extrema ao que chegamos, mais tamén que cada vez que a sociedade galega se activou pola súa lingua, conseguiu frear a perda de falantes».

Tamén indican que «non podemos ter ningunha confianza nun goberno da Xunta que leva 15 anos actuando contra acordos alcanzados por unanimidade e que contaron con grande participación social e ao que lle parece excesivo o 1% de galego nas plataformas de TV ou na xustiza, ademais de ter prohibido nalgunhas materias o uso da nosa lingua».

Un goberno de Xunta”, engaden, “que fala de pacto pola lingua mais non só non contestou as solicitudes de encontro, senón que xa está a propor o uso do castelán na TVG e a eliminación do dereito á atención en galego permitindo o seu descoñecemento polo funcionariado interino”.