Unha ducia de persoas voluntarias participaron onte na actividade de Recollida de lixo en kaiak, organizada polo Concello de Tomiño, a través da Oficina Municipal de Información Xuvenil (OMIX).

O percorrido iniciouse e rematou nunha zona próxima ao embarcadoiro de Goián, pasando por debaixo da ponte internacional até á altura do Lenta (Cerveira), aproximadamente.

Os voluntarios recolleron cinco sacos de grandes dimensións con todo tipo de lixo; sobre todo, botellas de plástico e cristal, macetas e bolsas plásticas, tenis, chancletas, envases de comida, etc., sen contar un bo número de pneumáticos de vehículos de diferentes tamaños, coma xa ocorrera en anos anteriores.

Desde a OMIX queren dar as grazas a todas as persoas que participaron nesta actividade de valor ambiental e respecto ao medio; un dos temas nos que o Concello está a traballar de forma transversal.