David Regades e Carlos Gómez mantiveron esta mañá un encontro no que o candidato á alcaldía de Baiona puxo sobre a mesas varias propostas para mellorar a vila, centradas sobre todo na xeración de emprego e actividades económicas.

Ante o delegado do Goberno na Zona Franca de Vigo, Gómez expuxo a necesidade de buscar novos usos á Casa do Reloxo. “A nosa proposta é que o Concello e Zona Franca firmen un convenio de colaboración para garantir que neste espazo xermine futuro”, defendeu o candidato á alcaldía.

Entendemos que non hai iniciativas por parte do actual goberno municipal para garantir que o espazo creado por Zona Franca funcione a pleno rendemento”, denunciou Gómez. “O concello de Baiona o que necesita é traballar da man da Zona Franca para garantir que este espazo teña un uso e funcione en condicións”.

Ademais, as e os socialistas de Baiona propoñen un “proxecto mancomunado” entre os tres concellos do Val Miñor “para traer formación que estea relacionada co Porto do Molle e o polígono da Pasaxe”. Defende Gómez que desta maneira foméntase que a mocidade da vila poida atopar un traballo na zona e fixar así poboación.

Os proxectos non teñen que ser ideolóxicos, senón dos baioneses e baionesas”, engadiu. “Como concello temos que traballar nas políticas de vivenda, de transporte e de formación e creación de emprego”.

Pola súa banda, Regades, secretario xeral do partido na provincia, destacou que nestes momentos Gómez “é o único candidato que reúne os requisitos para ter unha boa relación” coas principais administración e institucións: a Deputación de Pontevedra, o Goberno de España, a área metropolitana e a Zona Franca de Vigo.

Imos ter ese convenio para impulsar este centro de emprendemento e de coworking”, anunciou Regades tras lembrar que na visita de Pedro Sánchez a Galicia hai unha semana o presidente recoñeceu o gran traballo que se está a realizar no consorcio vigués.

Sabemos que o espazo dedicado ás empresas e ao emprendemento neste momento está ocupado ao 100%”, sinalou o dirixente de Zona Franca, para engadir que sendo así “estudiaranse outras vías para seguir impulsando o emprendemento e a economía” en Baiona e a súa contorna. “Non só hai que crear espazos, hai que enchelos de contido, e aí a Zona Franca e o Concello imos traballar da man para que non sexa só unha caixa, senón un espazo cheo de ideas e economía”.

Regades fixo tamén mención á captación de fondos europeos “do programa 2020 e sucesivos”, coa vista posta en “revitalizar Baiona”. “Baiona vai xogar un papel importante, un papel que non xogou nos últimos anos cos gobernos do Partido Popular”, defendeu, comprometéndose a “ir da man” neste proxectos tanto coa Zona Franca como cos concellos do Val Miñor. “Temos grande experiencia na captación e xestión de fondos europeos e Baiona non pode volver quedar fóra”, finalizou.