A Cordinadora Galega de Emigrantes Retornados continúa coa súa loita, desta vez, demandando o correspondente apoio a tódolos concellos da comunidade da man dunha moción que foi, e, está, a ser presentada nos rexistros municipais de toda Galicia.

Na nosa comarca, foi presentada polos portavoces da Plataforma de Emigrantes Retornados do Baixo Miño, a cal forma parte tamén da Cordinadora Galega, a principios deste mes de novembro nos rexistros dos concellos de Tui, Tomiño, O Rosal, A Guarda e Oia. Nesta moción, o colectivo reclama que se modifique a lexislación actual para evitar o tratamento fiscal discriminatorio , así como que se recoñeza de oficio e homologue o grao de invalidez recoñecido no país de orixe da pensión, e, a súa vez, que se aplique o dereito de acceso á seguridade social universal e gratuíta para todas as persoas retornadas.

Segundo este colectivo, «a Lei Montoro afecta a máis de 250.000 retornados galegos ,e, que lles obriga a tributar, con carácter retroactivo, as pensións que perciben do exterior, e que tamén supuxo unha revisión á baixa do baremo de incapacidade recoñecido no país pagador da súas pensións».

«Por outra banda, -din- grazas ao traballo e ao activismo social dos retornados, o goberno, hai catro anos, deu marcha atrás e decidiu deixar de sancionar e devolver as sancións que foran emitidas. A pesar diso, moitos retornados que pagaron as sancións non recibiron a devolución, pois, non se fixo de oficio (como así o tiña solicitado a cordinadora galega), e moitos deles, por falla de tempo nos prazos, e, por descoñecemento de como realizar os trámites de reclamación (dado tamén a súa avanzada idade) non recibiron dita devolución, quedando así a facenda española con miles de euros dos emigrantes retornados».

Con todo, dende o colectivo de emigrantes retornados galegos agardan poder contar co apoio de tódalas organizacións políticas con representación nos concellos galegos. Sinalan que esta loita social trasladouse a diversas institucións, dende a facenda española, concellos, deputacións, parlamento galego, congreso dos deputados e até ao Parlamento Europeo ao longo dos sete anos de loita social «nos que, por desgraza, moitos dos compañeiros de loita faleceron».