A Concellería de Turismo de Baiona pon en marcha este sábado, 17 de maio, outra visita guiada temática con motivo do Día das Letras Galegas.
A visita realizará un percorrido dende a Oficina de Turismo por diversos puntos do Centro histórico de Baiona e, utilizando palabras específicas da lingua galega, explicará diversos aspectos do patrimonio material e inmaterial da Vila.
Cada palabra dará lugar a que os asistentes coñezan máis información dun recurso patrimonial, dunha lenda ou dunha tradición.
O fin desta visita é poñer en valor a importancia da lingua na cultura e na idiosincrasia dun pobo vinculando os espazos físicos con elementos intanxibles que non se poden ver pero que son tan importantes como os recursos físicos.
Comezará ás 11:30 horas, e está orientada ao público xeral, tanto adultos como nenos. Terá unha duración aproximada de hora e media.
O aforo é limitado e é necesaria a inscrición previa na Oficina de Turismo, no teléfono: 986687067, ou por correo electrónico a oficinadeturismo@baiona.gal, especificando nomes completos, orixe e, no caso de menores, a idade de cada un deles. O prazo de inscrición finaliza o venres ás 14:30 horas.

