CEIP Serra de Vincios
ALFREDO // CEIP Serra de Vincios

A Consellería de Sanidade impuxo ao Concello de Gondomar unha multa de 600 euros tras detectar deficiencias na rede de abastecemento municipal. Así o indica o PP da vila Condal, formación liderada por Paula Bouzós, quen asegura que “o departamento autonómico tramitou a sanción toda vez que dende o Goberno local non se atenderon as advertencias para corrixir as fallas detectas no CEIP Serra-Vincios”.

O PP lamenta unha vez máis que a localidade teña que ser noticia por este tipo de casos, e acentúa o “abraiante deixamento do equipo de Paco Ferreira cos colexios. Unha vez máis volvemos a pagar a factura da falta de rigor e compromiso deste Goberno coa xestión municipal no marco das súas competencias”, apunta Bouzós, ao tempo que reclama explicacións e celebra que a situación a día de hoxe estea regularizada.

A sanción fechada o pasado mes de novembro”, informan os populares gondomareños, “prodúcese tras detectar no mes de maio do 2018 varias deficiencias na rede que abastece o centro escolar e na xestión da mesma. Entre elas, a ausencia de informes sobre as analíticas practicadas na auga para consumo humano, do programa preventivo de lexionelose da auga quente sanitaria e a analítica desta bacteria. Asemade, os inspectores sinalan que desde o 29 de marzo do 2017 non se acredita a limpeza e desinfección do sistema de auga quente sanitaria e que non constan os rexistros de mantemento propios das instalacións, o que supón un alto risco de propagación da lexionela”.

Tras unha primeira chamada de atención ao Concello, no mes de xuño, para que emende a situación, nunha nova inspección no mes de setembro os técnicos de Sanidade comproban que a rede mantense nas mesmas condicións deficientes“, asegura Bouzós.

En novembro, e ante a falla de resposta por parte do Goberno local, a Consellería abre un expediente sancionador ao Concello pola cantidade de 600 euros e, en paralelo, envía ao colexio ao responsable dos tratamentos da lexionela para informar á directiva do centro do procedemento para realizar as medicións diarias e rexistralas. A partir desa data queda operativo o libro de rexistro“, afirma a popular.

“Cómpre sinalar“, dice, “que a dirección do propio CEIP Serra-Vincios advertiu en numerosas ocasións destas incidencias ao Concello e así o notificou á Consellería de Educación”.

“Non se pode xogar coas saúde da cativada e menos cun tema tan importante como é a prevención da lexionela e o control da auga”, sinala Bouzós, quen aproveita para recordar que “Gondomar conta cunha concelleira de Educación, Iria Lamas, con dedicación exclusiva, o que fai este tipo de casos inadmisibles. A xestión municipal nos centros escolares é moi deficiente, como así o acreditan as crecentes queixas do abandono ao que se ven sometidos”, conclúe a presidenta do PP gondomareño.