Sergio Rodríguez

Este domingo celebrouse a quinta competición da Liga Galega de Slálom na localidade de Olveira, pertencente ao concello de Dumbría.

Foi esta unha competición de carácter reivindicativo, pois neste concello estase loitando para conseguir que as administracións dean os permisos pertinentes para a construción dunha canle de slálom. Dez foron os deportistas do Club Deportivo Miño que acudiron a dar o mellor de si mesmos nas augas do río Xallas.

Na máxima categoría absoluta ou sénior, Luís Fernández foi o gañador en canoa e o seu compañeiro Brais Castro rematou segundo, ouro e prata polo tanto para os dous representantes dos Teixugos. Tamén en C1, pero categoría cadete, Samuel Castro dominou a proba, conseguindo un novo ouro para o Deportivo Miño. Adrián Lluch foi cuarto en C1 infantil. En canoa feminina o club so levou representación na categoría cadete, pero por partida dobre, Ainhoa Barreiro gañou a proba e a súa compañeira Alba Soutelo foi terceira.

A modalidade de kaiak sumou tamén moitas medallas no haber do Club Deportivo Miño. Sergio Rodríguez foi o mellor en K1 cadete cunha gran baixada, na mesma categoría Alexis Segadaes foi quinto. Tamén ouro para Mateo Rivas en K1 infantil, na mesma categoría Adrián Lluch foi quinto. Segunda medalla de ouro na xornada para Ainhoa Barreiro, desta vez en K1 cadete, modalidade na que Alba Soutelo tamén acadou a súa segunda medalla, nesta ocasión de prata.

Non poido ir mellor a competición para o Club Deportivo Miño-Teixugos, cun balance final de seis medallas de ouro, dúas de prata e unha de bronce.

Na clasificación final por equipos, remataron terceiros, por detrás do Penedo de Tui e do Tea de Mondariz que resultou gañador do torneo.