Sentida homenaxe aos asasinados polo franquismo na Guarda
CONCELLO // Homenaxe aos asasinados polo franquismo na Guarda

Onte celebrouse no cemiterio de Sestás a homenaxe anual aos asasinados durante o franquismo, coa realización dunha ofreda floral e a pronunciación dun discurso a prol da memoria histórica, organizada pola Federación de Pensionistas e Xubilados de Comisións Obreiras da comarca de Vigo en colaboración co Concello da Guarda.

O acto comezou pasadas as 17:30 horas fronte a fosa común de Sestás, na que 48 homes, principalmente procedentes de Asturias e León, foron “asasinados da forma máis cruel posible”, segundo referiu o alcalde do Concello da Guarda, Antonio Lomba.

Representando a unión comarcal de CCOO de Vigo, Paco Carrera tomou a palabra fronte o preto do centear de persoas congregadas no camposanto para por en valor a necesidade deste acto anual. “Cando unha sociedade perde a súa memoria, perde unha parte da súa biografía social e as referencias do que é e por que o é”, asegourou Carerra, que animou a seguir “lotando pola liberdade e a xustiza, pois nada é eterno e inmutable e nada se consegue baixando os brazos e practicando a arte da indiferencia”.

Nesta mesma liña, o secretario xeral de Pensionistas do sindicato en Vigo, Roberto Ucha, rememorou o contexto histórico, caracterizado polo ascenso dos fascismos en Europa, no que se acometeron os asasinatos en Camposancos. “Eses sistemas crearon un monstruo que levou a guerra civil española primeiro, e a guerra mundial despois” causando millóns de mortes durante e despois dos conflictos, lembrou Ucha. Con todo, asegurou, “o antifascismo é a idea que une a todos os que estamos aquí, polo terror a que ese sistema se repita en Europa”.

O acto de homenaxe trasladouse deseguido ao Centro Cultural, onde tivo lugar unha charla-coloquio guiada polo investigador e historiador vigués, Bernardo Vázquez e na que tamén participou o guardés e estudoso da historia local, José Antonio Uris. A el referiuse o rexedor como “unha das persoas que se preocupou por darlle dignidade ao cemiterio” de Sestás, no que dende agosto de 1986 figura un monumento na lembranza das persoas alí fusiladas e soterradas “por defender as liberdades democráticas” durante a Guerra Civil española.

Uris realizou un repaso á historia do campo de concentración guardés, dende a chegada dos primeiros prisioneiros asturianos en 1937, no que preto de 5.000 homes chegaron a convivir amoreados e centos foron fusilados ou morreron por enfermidade, ata o levantamento do monumento na fosa común.

Co título “Os Consellos de Guerra: a xustiza do revés”, Vázquez ofreceu aos asistentes mostras dun bo número de documentos da época que dan conta da represión acometida polo sistema franquista dende a sublevación en 1936. Entre os mecanismos institucionalizados de represión, destacou o historiador, atopábanse os Consellos de Guerra, un “instrumento de xurisdicción militar aplicado a miles de homes e mulleres”. As condenas -de 30 anos, cadea perpetua ou morte- “dependían directamente do perfil político da persoa”, de xeito que aqueles ligados ás institucións republicanas serían fusiladas, namentres unha “desafección á causa nacional” custaría a liberdade.

O tribunal militar, que comezou a traballar no campo de concentración de Camposancos en 1938, chegou a celebrar unha media de catro consellos de guerra ao día cunha vintena de prisioneiros en cada unha das sesión. Non todos os condenados, segundo explicou Uris, atoparon a morte na Guarda, pois moitos deles foron trasladados a outras partes de Galicia, como Vigo ou Pontevedra, para ser executados.

Con todo, sentenciou o guardés, “non debemos esquecer nunca a estas persoas, que tiñan como ideais a liberdade e a democracia, e morreron por elas”. Nesta liña, Antonio Lomba incidiu na vontade por parte do Concello da Guarda de continuar contribuíndo á lembranza das vítimas do franquismo na vila, malia que “todo o que fagamos para honrar a súa memoria e a das súas familias será pouco” dada a inxustiza froito da cal estas persoas perderon a vida.