O Servizo de Educación e Apoio Familiar do Concello de Tomiño, atendeu durante o 2019 a máis de 700 persoas usuarias de algúns dos distintos programas organizados polo departamento.
Máis de 60 familias participaron nos obradoiros de estimulación temperá e no encontro e obradoiros de hábitos saudables e de nutrición infantil dirixido prioritariamente a menores de 3 anos, unha das principais novidades da edición, e que converteu nun auténtico espazo para aprender, resolver dúbidas e dar resposta ás inquedanzas das familias tomiñesas con nenos na primeira infancia. Ese era o obxectivo de “Medrando en familia”, un programa de intervención socio-comunitaria centrado en familias con cativos menores de 6 anos que pechou a súa terceira edición cun rotundo éxito de acollida.
Posto en marcha pola Concellería de Benestar Social do Concello de Tomiño, o programa contou nesta ocasión cun encontro e varios obradoiros pensados “para estimular o establecemento de pautas básicas de organización familiar e, sobre todo, para que os pequenos da casa teñan un tempo de lecer propio e compartido cos seus proxenitores e medren conxuntamente”, segundo explica a concelleira responsable, Cristina Martínez.
Ao longo dos meses de outubro, novembro e decembro, o Servizo de Educación e Apoio Familiar desenvolveu distintas actividades no propio Concello, pero tamén na escola infantil Galiña Azul e no mercado municipal; actividades ás que acudiron 35 familias preocupadas por aprender a facer a transición aos sólidos dos seus fillos, ou converténdose en cociñeiros por un día para descubrir alimentos saudables e boas prácticas alimenticias, da man de profesionais, coma a farmacéutica e nutricionista Nuria Iglesias, ou Quelly Rodríguez, de Ma Nunú, que conxugaron teoría e práctica deseñando estratexias para unha alimentación máis sa e apetecible.