ALFREDO

A Plataforma Cidadá reprocha a falta de investimento público en políticas de Igualdade do Goberno Local, «transformando á Concellería de Igualdade nun departamento de pose e baleiro de contidos».

«Esta falta de responsabilidade queda patente coa non renovación do Plan de Igualdade desde hai 10 anos, a inexistencia dun Consello da Muller, a pesar de ser aprobada a súa creación o pasado mes de novembro en pleno, ou a falta de persoal técnico en materia de Igualdade e Violencia de Xénero que garanta a atención permanente ás mulleres do municipio», sinalan.

“As queixas de usuarias do CIM repítense constantemente, tanto polo trato das persoas profesionais, como polo escaso horario de asesoría psicolóxica e xurídica, algo que se podería solucionar con máis investimento público e persoal formado en Igualdade que orientase ás profesionais nas intervencións coas usuarias”, destacan desde Somos Nigrán.

Outra das carencias que pon de manifesto o «nulo compromiso do equipo de goberno, é a falta dun Protocolo Municipal de Protección e Reparación para as Vítimas de Violencia Machista existentes no noso municipio, ou a ausencia dun convenio coa Garda Civil para dar unha solución habitacional de primeira instancia para estas vítimas en casos de risco inminente, como existe no Concello de Gondomar«, indican dende Somos Nigrán.

Tamén cuestionan «a subida salarial da Concelleira Delegada deste departamento, Patricia Diego, pasando de 18.000€ brutos/anuais a 24.000€ brutos/anuais por unha dedicación parcial, cando no pasado ano foi practicamente inexistente a dotación orzamentaria destinada a políticas de igualdade efectivas».

“Con diñeiro sobre a mesa é onde verdadeiramente vese quen aposta e non pola Igualdade, pero parece ser que o Goberno Local entende que a implicación coa loita pola igualdade baséase en aparecer na foto os días sinalados”, manifesta Lucía Chamorro, integrante de Somos Nigrán.