ALFREDO

Segundo Somos Nigrán, actualmente no concello existen 36 colonias felinas das cales 9 non contan con control poboacional e nas que existen numerosos felinos sen esterilizar. «Isto supón un grave problema de benestar animal e de salubridade pública», sinalan.

«A asistencia destas colonias está practicamente en mans dunha rede de persoas voluntarias, con escaso ou nulo apoio da Administración Local. Con todo, a normativa vixente reflicte que a responsabilidade de xestión, coidado e salvagarda das poboacións de gatos ferales/comunitarios, son competencia dos concellos«, apuntan dende a formación.

A nova Lei de Protección Animal dedica dous capítulos a establecer o marco legal para o tratamento das colonias felinas, obrigando á súa xestión ética e orienta aos concellos cara á súa captura, esterilización e retorno, coñecido como método CER.

«Desde Somos Nigrán solicitamos ao Concello a implementación do método CER coa máxima premura, xa que é un criterio necesario para acceder á convocatoria de axudas económicas do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. O que supoñería un menor gasto municipal nesta cuestión e o máis importante, a evolución na xestión ética das colonias felinas«, rematan.