Todas e cada unha das trinta emendas parciais relativas ao Val Miñor que o Bloque Nacionalista Galego formulou á proposta de orzamentos da Xunta para o ano 2025 «foron rexeitadas polo goberno do PP«. «Delas, sete era propostas para actuacións comúns para os tres concellos e centrábanse no reforzamento e alongamento dos servizos públicos, na reactivación económica, no medio ambiente e na mellora da mobilidade e das infraestruturas viarias».
Carmela González, deputada do BNG no Parlamento Galego, Iago Pereira, Manuela Rodríguez e Xavier Rodríguez, portavoces municipais en Baiona, Gondomar e Nigrán, respectivamente, realizaron onte unha valoración dos orzamentos da Xunta para o vindeiro ano: “Máis unha vez, as emendas do BNG van ser rexeitadas pola destrutiva maioría absoluta do PP”, denuncia a deputada Carmela González. “O PP privará así á veciñanza do Val Miñor dun incremento total de máis de 16M€ nuns orzamentos cuxas partidas marxinan tanto ao conxunto como a cada un dos tres concellos por separado”, engade.
Pola súa banda, as e os representantes do BNG no Val de Miñor lamentan que “o PP de Rueda na Xunta vaia contar, máis unha vez, co consentimento dos PP de Baiona, Gondomar e Nigrán para deixar ao Val Miñor sen uns investimentos que incidirían de xeito significativo na creación de emprego e na calidade de vida da veciñanza”.
Máis e mellores servizos públicos
No relativo á sanidade pública o BNG solicita o reforzo de medios e de cadro de persoal para a atención á saúde mental no centro de especialidades do Val Miñor, «que acumula listas de agarda de máis de seis meses».
En relación aos servizos sociais, ante a escaseza de prazas públicas e para facilitar a necesaria conciliación familiar, laboral e social, o BNG demanda a construción dunha residencia de maiores para os tres concellos, e a creación dun Punto de Encontro Familiar para atender ás tres localidades, evitando así que as persoas usuarias teñan que desprazarse a Vigo.
No tocante ao ensino, a emendas van dirixidas á implantación do bacharelato de artes nalgún dos institutos do Val Miñor para o vindeiro curso 2025-2026, e á ampliación do dereito de transporte escolar ao alumnado do ensino non obrigado (bacharelato e FP).
Medio ambiente, infraestruturas e mobilidade
En materia de medio ambiente solicitan a realización dun estudo para a recuperación e rexeneración da Foz do Miñor, na liña de corrixir a contaminación e de recuperar o seu banco marisqueiro.
Propoñen tamén un plan de reforestación con especies autóctonas e desenvolvemento de accións preventivas fronte aos incendios, sempre en colaboración coas Comunidades de Montes en Man Común.
En canto ás infraestruturas e a mobilidade propoñen o estudo para a avaliación do rescate da concesión para a súa xestión pública e a gratuidade da AG-57, «para que sexa unha realidade no vindeiro ano, así como, no inmediato e como medida transitoria, bonificacións das peaxes desde o 1 de xaneiro de 2025».
Así mesmo, demandan a mellora do servizo de transporte interurbano, co incremento de liñas e frecuencias directas para os desprazamentos aos Hospitais Álvaro Cunqueiro e Meixoeiro e á Universidade.
