Concienciar á veciñanza e traballar a prol da igualdade para previr a violencia de xénero e crear unha sociedade máis xusta. Ese é o obxectivo da programación que o Concello de Tomiño porá en marcha para conmemorar este 25 de novembro o Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, unha morea de actividades culturais nas que a formación, o teatro, a visibilización da igualdade e o autocoidado serán os eixos centrais.
“Un ano máis preparamos para a tomiñeses e tomiñesas un programa de actividades co que amosar o noso máis rotundo rexeitamento ás violencias machistas, unha cuestión debemos de poñer en relevo e que debe figurar como unha prioridade na axenda de problemas públicos. Dende o Concello seguimos traballando para facer de Tomiño un concello libre de violencias machistas, apostando pola concienciación e pola formación, coa olla especialmente posta nas xeracións vindeiras”, destaca a alcaldesa, Sandra González.
A campaña municipal do 25N arrancará en Tomiño cunha declaración institucional coa lectura dun manifesto e cunha concentración cidadá que se celebrará o propio sábado ás 12.00 horas na Praza do Seixo, ou no mercado municipal en caso de choiva.
Ese mesmo día arranca o curso de autodefensa por e para mulleres, unha iniciativa coa que as participantes aprenderán exercicios básicos de acondicionamento físico, movementos e técnicas de brazos e pernas e con diversos utensilios cotiás para a autodefensa e orientación e pautas para desenvolver hábitos de prevención en calquera lugar. Serán dous cursos de balde, un do 25 de novembro ao 27 de xaneiro e outro do 3 de febreiro ao 30 de marzo, con prazas limitadas para os que están abertas as inscricións.
Celebrarase tamén o sábado 25 o primeiro taller de autoestima recollido nesta programación, un obradoiro de hora e media no que as participantes poderán aprender a construír o amor propio coas técnicas máis avanzadas e efectivas de autocoñecemento. O primeiro taller será o 25N de 17.00 a 18.30 horas na Casa Salgosa e o segundo o 9 de marzo. Tamén con prazas limitadas, as mulleres interesadas xa poden inscribirse para participar a través da web municipal.
A programación para este 25N pecharase con Estudio Momento e a súa obra ‘1888. A señorita Xulia’, un espectáculo co que a compañía, Premio Luísa Villanta pola Igualdade en 2018, volve a amosar o seu compromiso co feminismo, rescatando un clásico para seguir afondando na ardua tarefa de construír un futuro mellor.
Todas as actividades contan co apoio do Ministerio de Igualdad, Pacto de Estado contra la Violencia de Género, Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Concello de Tomiño.