pleno tomiño

O Concello de Tomiño aprobou de forma definitiva, o pasado venres, unha nova ordenanza en materia de benestar social, que foi votada de maneira unánime polos membros da Corporación Local.

A nova ordenanza pretende establecer unha serie de dereitos e recursos dentro do Programa de Inclusión Social, xerais e específicos para a cidadanía da localidade en risco de exclusión social. O texto fixa as condicións de acceso ás axudas e a documentación a presentar, e distingue entre subvencións para necesidades básicas (coma manutención, cobertura de gastos sanitarios e farmacéuticos urxentes; aloxamento e mantemento da vivenda; gastos correntes, etc.

As persoas beneficiarias poden ser “persoas individuais ou familias empadroadas e residentes en Tomiño, que carezan de medios económicos e nas que concorran factores de risco ou emerxencia social e precisen dunha axuda para satisfacer as necesidades básicas, sempre coma un apoio á intervención social”.

Por outra banda, a ordenanza prevé axudas para afrontar situacións de risco social, fomentando a escolarización e financiando, se é o caso, cotas de escolas infantís, custe de comedores escolares, ludotecas, campamentos; matrículas, desprazamentos, etc. segundo o nivel educativo de que se trate. Asemade, contémplanse gastos de carácter excepcional para apoiar o proceso de inclusión, avalados por informe dos servizos sociais.

O texto definitivo da ordenanza fixo lugar a varias alegacións presentadas pola oposición (PP e PSOE) por consideralas axeitadas e complementarias.

Durante a sesión plenaria, aprobouse tamén de forma definitiva a Ordenanza de Xestión de Biomasa e o Convenio coa Deputación para a “Mellora da mobilidade e da seguranza viaria na contorna dos equipamentos públicos na Praza do Seixo”, no marco do Plan DepoRemse.

Por outra parte, o Consello da Infancia e Adolescencia “Voces Novas” de Tomiño, aproveitou a sesión plenaria para presentar unha moción (aprobada por unanimidade), rexeitando a violencia machista.

Dende o Consello da Infancia e da Adolescencia de Tomiño “Voces Novas”, queremos trasladar o noso máis absoluto rexeitamento a todas as violencias machistas e a todas as súas formas de expresión, dicindo non á violencia de xénero…hai que detectar e visibilizar esa realidade antes de que se apodere da nosa vida, antes de que se converta en continuidade para, así, poder mudala”, di parte do documento.