O Concello de Tomiño aproveita os meses de verán para executar as obras de mellora do campo de fútbol do Alivio, no que a principal actuación é substituír a herba natural pola artificial. O proxecto, adxudicado a Mecano Sport, S.L. en 321.000 euros, inclúe tamén a creación de novas redes de drenaxe e rego, nova iluminación e dotación de novo equipamento deportivo.

Financiado pola Deputación de Pontevedra (Plan Concellos 2018-2019. Liña 1), o proxecto ten coma fin mellorar as condicións do campo de fútbol, de propiedade municipal, no que xogan o F.C Alivio e outros equipos. A actividades despregadas por eles requiren un mantemento constante en canto á protección dos elementos estruturais afectados polo paso do tempo, as inclemencias meteorolóxicas, a contaminación atmosférica e o natural deterioro por desgaste.

O concelleiro de Deportes, Francisco Campo, visitou as obras esta semana, explicando que as mesmas estarán rematadas no mes de setembro, para que os clubs poidan comezar cos adestramentos. Asemade, o edil comentou que “con esta obra, os tres campos de fútbol de Tomiño (O Regatiño, en Goián, A Carballa e o Alivio) contan xa con herba artificial, que é moito menos custosa no seu mantemento que a natural”.