Este domingo, 19 de agosto, terá lugar o VI Certame de Pintura ao Aire Libre Antonio Fernández; unha cita cultural, organizada polo Concello de Tomiño, á que asisten moitos artistas da comarca e doutros puntos de Galicia, para pintar na contorna do Espazo Fortaleza e resto da parroquia de Goián.

A inscrición segue aberta. Nesta sexta edición poden participar todas as persoas que o desexen, a partir dos 18 anos de idade. Totalmente gratuíta, pode realizarse presencialmente, o mesmo día do certame, na Aula-Museo Antonio Fernández, de Goián (situada na Avenida Ordóñez, a carón da praza), entre as 9.30 e 11.30 horas.

O certame comezará entre ás 9.30 e as 11.30 horas do día 19 de agosto, na devandita aula-museo. Alí a organización procederá a selar e numerar os soportes das obras e dar as directrices precisas aos artistas participantes.

O xurado, composto por personalidades vencelladas ao mundo das artes e membros das entidades patrocinadoras, reunirase a partir das 19 horas para emitir o seu fallo media hora despois.

Os premios establecidos, patrocinados polo Concello e a Comunidade de Montes de Goián, son tres: 1º Premio – 1000€   ·   2º Premio – 500€   ·   3º Premio – 500€

As obras premiadas e tamén as demais realizadas dentro do certame, serán expostas no Mercado Municipal entre o 21 e o 31 de agosto, para que poidan ser visitadas por toda a veciñanza.

Na pasada edición participaron 43 persoas que ocuparon para realizar a súa pintura, diversos enclaves da contorna de Goián, moitos deles preto da ribeira do Miño.