Mercado municipal de Tomiño
RUBENS // Mercado municipal de Tomiño

O Concello de Tomiño organiza o domingo 23 de decembro na Praza do Seixo entre as 11.00 e as 21.00 horas, en colaboración cos praceiros do mercado municipal, o seu primeiro Mercado Creativo de Nadal.

Haberá postos de artesanía, ilustración, moda, arte, decoración e complementos, distribuídos nos soportais e arredores do mercado e na praza, diante do Concello.

Pero o mercado creativo de Nadal terá tamén unha compoñente lúdica e formativa importante, con varios obradoiros e talleres. O primeiro será o Obradoiro de elaboración dun menú semanal, de 12.00 a 14.00 horas, impartido por unha nutricionista, no andar de abaixo. Seguiralle un Obradoiro infantil de galletas, de 12.00 a 14.00 horas e de 16.30 a 18.30 horas, impartido tamén no andar de abaixo.

A parte máis lúdica chegará a este mercadiño creativo de Nadal da man do Apalpador, que visitará Tomiño de 17.00 a 19.00 horas, movéndose polo Mercado e polo exterior, na Praza do Seixo.

Ao medio día haberá Vermú con petiscos, e concerto a cargo de Denis Carballás, de 12.30 a 15.00 horas. A actuacion terá lugar no 1º andar do mercado.