A Praza do Seixo será un ano máis punto neurálxico da celebración do Día das Letras Galegas 2025, o vindeiro sábado 17 de maio. realizarase pola mañá de 10:00 a 14:00 horas a Feira do Libro en Galego, na que cada exemplar terá un desconto do 40 por cento (30% achegado polo Concello, e 10% polas librarías).

O concerto da Agrupación Musical de Goián será o acompañamento ideal para as actividades, que tamén incluirán obradoiros culturais e de xogos, en galego. As persoas participantes poderán levar unha camiseta conmemorativa co deseño gañador do concurso deste ano (de Paloma Bravo). Ademais haberá paraugas, chapas e adhesivos con todos os deseños presentados.

O programa continúa o xoves 22 de maio no auditorio municipal (Goián), co espectáculo “Axúdame a cantar”, sobre as cantareiras para o alumnado do IES Antón Alonso Ríos, ao que se agasallará coa novela “Agora que vén a noite”, de Marcos Calveiro.

O sábado 24 de maio ás 21:00 horas, tamén no auditorio, estará o actor Carlos Blanco co seu monólogo “A Penúltima”.

E, por último, o sábado seguinte, 31 de maio, chegará á Praza do Seixo, ás 12:00 horas,  “Cantareiras, poesía popular nas Letras Galegas” do colectivo «Polo correo do Vento» combinación perfecta de narración oral e obradoiro participativo.

Todas as actividades conmemorativas deste ano contan coa colaboración da Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia e Concello de Tomiño. ”Levamos a cabo, como cada ano nestas datas, diferentes actividades a prol da lingua e literatura galegas co obxectivo de promover a lectura no noso idioma e provocar un efecto normalizador e multiplicador da nosa lingua e, ao mesmo tempo, apoiamos ao comercio local”, comenta a concelleira de Cultura, Ani Fernández Carrera.