La Plaza de O Seixo y el Concello de Tomiño.
RUBENS

Catro novas persoas incorporaranse nas vindeiras semanas ao cadro de traballadores do Concello de Tomiño, a través do programa da Deputación Provincial, “O teu primeiro emprego”.

As persoas escollidas a través do respectivo proceso de selección de persoal, prestarán servizos na modalidade de prácticas, nos departamentos municipais de Benestar Social (titulada/o universitaria en traballo social); Servizos Administrativos (titulada/o en Administración e Finanzas); Medio Ambiente (titulada/o universitaria en Ciencias Ambientais) e Urbanismo (titulada/o universitaria en Arquitectura).

As persoas candidatas foron convocadas a través da Oficina de Emprego, pasando logo por un proceso selectivo de valoración de méritos. Os candidatos que non obteñan a praza neste proceso, pasarán a integrar unha lista de substitución por orde de puntuación en caso de producirse a renuncia da persoa seleccionada.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, explica que o Concello solicitou catro persoas, que foron concedidas pola Deputación, co fin de reforzar o traballo de áreas consideradas estratéxicas na labor municipal e que, ademais de beneficiar a catro persoas que se inician na súa vida profesional, esta medida de emprego permitirá desenvolver con maior eficacia os programas de intervención deseñados polo equipo de goberno.