Coa chegada do mes de decembro, remataron as clases do programa transfronteirizo ‘Deporte para todas as persoas’, organizado pola Eurocidade Cerveira-Tomiño en instalacións municipais de ambos os dous concellos. Máis de 100 persoas tomiñesas participaron nos cursos de ximnasia de mantemento e pilates que cada semana desenvolvéronse en Sobrada (mércores), Tomiño (xoves) e Tebra (venres) e que suscitaron grande interese entre a poboación.

E outro tanto sucedeu en Vila Nova de Cerveira, onde outro centenar de persoas participaron tamén en tres grupos de actividades deportivas gratuítas nos IPSS (Institucións Particulares de Solidariedade Social) dirixidas a un perfil de público diferente, especialmente xente de maior idade.

O programa, de carácter piloto, incluíu ademais das modalidades deportivas en parroquias de Tomiño e IPSS de Cerveira, actividades de piscina en familia nas instalacións municipais de Cerveira, con natación e iniciación ao medio acuático para nenas e nenos de 3 a 12 anos, e actividades para maiores de 55 anos, todos os martes en Cerveira e os xoves no local da Asociación Vontade de Tomiño. Ambas as dúas tamén cunha boa acollida por parte da poboación.

Este programa deportivo comezou unha nova tempada en setembro de 2018 e estivo operativo ata novembro deste ano, agás no mes de agosto, no que se fixo un parón estival. Os concelleiros de Deportes e Benestar Social visitaron aos grupos tomiñeses durante a derradeira semana de actividade, e puideron constatar a valoración positiva de alumnas e alumnos e do monitor, quen foron quen de solicitar a continuidade da iniciativa.

Estas actividades deportivas e saudables dirixidas aos veciños e veciñas dos dous municipios forman parte da Axenda Estratéxica para a Cooperación Transfronteiriza Amizade Cerveira-Tomiño, un proxecto cofinanciado ao 75% polo Programa INTERREG VA POCTEP, fondos FEDER da Unión Europea.