ARCHIVO

O Concello de Tomiño esixirá formalmente á Xunta de Galicia que colabore na financiación do proxecto da Biblioteca Municipal, tal coma está a facer noutras localidades.

A decisión foi tomada de maneira unánime polos 17 concelleiros e concelleiras que forman a Corporación Municipal, que votaron a favor da moción presentada polo Grupo Municipal do BNG, na que se propón trasladar ao Conselleiro de Cultura ”o profundo malestar da corporación pola falta de atendemento a esta demanda despois de dous anos nos que se tiveron varias entrevistas, sen que até o momento o Concello recibira notificación algunha ao respecto”.

Tal como explica a moción, este novo proxecto foi presentado ante a Xunta de Galicia en varias ocasións ao logo dos últimos dous anos; concretamente, ante o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, o director xeral de Políticas Culturais (Anxo Lorenzo), e ao delegado da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís. Coma resultado destas reunións, Anxo Lorenzo, manifestou nunha reunión mantida o día 12 de novembro do ano pasado o seu interese polo tema, transmitindo a importancia de que a Xunta colabore con este tipo de equipamentos e prometendo que antes de final do ano 2019, comunicaría o importe co que o Goberno Autonómico participaría no proxecto.

A alcaldesa de Tomiño, Sandra González, “lamenta a falta de compromiso da Xunta”, e aclara que o Concello non pretende unha achega económica íntegra nin nunha soa fase, senón un convenio en varias anualidades. “Deuse todo tipo de posibilidades de acordo, pero a resposta é falta de compromiso do PP coa biblioteca de Tomiño”, afirma a rexedora.

O acordo plenario trasladarase tamén á Subdelegación do Goberno e ao Ministerio de Transportes, Mobilidad y Agenda Urbana (antes Fomento) para que valore a restitución da partida orzamentaria dos OXE 2011, nos orzamentos que está a redactar o novo Goberno. Asemade, farase chegar aos deputados galegos no Congreso para que defendan o tema en Madrid.

Longo camiño

A demanda de axuda para a construción dunha biblioteca municipal, remóntase ao ano 2010, cando o entón  deputado nacionalista Francisco Jorquera negociou co Goberno Central unha axuda para a reforma da antiga casa do médico do Seixo (situada no centro de Tomiño, xunto ao mercado), coma novo edificio administrativo que albergaría, entre outros usos, a biblioteca.

Coa chegada do PP ao Goberno Central, esta axuda nunca chegou a materializarse, a pesar de estar prevista unha partida de medio millón de euros , xa que o novo Goberno Central non autorizou o gasto e anulou o convenio de colaboración.

No 2016 o goberno local reformulou o proxecto, levando a cabo un proceso participativo coas entidades culturais e sociais do concello para deseñar a futura biblioteca, e redactou un novo proxecto que respondera ás necesidades da cidadanía.