O Concello de Tomiño está a rehabilitar nestas semanas os campos de balonmán e fútbol da Área Deportiva do Mosteiro, situados ao lado da pista de atletismo, nunha zona de uso compartido co CEP Pedro Caselles.
A intervención, que costará uns 20.000 euros de fondos propios, suporá o cambio e mellora do pavimento e a recuperación de elementos coma as porterías e canastras. Asemade, acondicionarase unha pista de volea sobre herba que poderán utilizar tanto alumnado do colexio coma público en xeral, en diferentes horarios, coma xa se vén facendo coas dúas canchas de tenis e dúas tamén de pádel.
Con estas melloras, a Área do Mosteiro ofrecerá un conxunto de instalacións de primeira man para as persoas que practican deportes. As canchas de balonmán e fútbol, onde se están a levar a cabo as obras de rehabilitación, súmanse a dúas de tenis, dúas de pádel, unha de volea sobre herba, unha de calistenia e outra de atletismo.