Un ano máis, o Concello de Tomiño colabora coa limpeza simultánea de ríos impulsada por Adega ao abeiro Proxecto Ríos participando o vindeiro 29 de setembro nunha xornada de retirada de lixo da beira do río coa que se busca achegar un gran de area na conservación dos ecosistemas fluviais e concienciar á cidadanía.
Baixo o lema ‘Móllate polos ríos’ a Concellería de Medio Ambiente organiza xunto coa OMIX de Tomiño unha actividade que contará coa colaboración do Centro Terapéutico Alborada e do CEP Pedro Caselles, que como cada ano adiantará a actividade ao venres 27 para que o alumnado do centro recolla lixo cunha andaina polas marxes do río Pego ao seu paso por unha zona próxima ao colexio do propio río.
O punto de encontro da actividade será a Praza do Seixo (diante da porta do Concello), dende onde ás 10:45 horas os voluntarios sairán camiñando cara o río da Pedra, aproveitando para retirar lixo polo camiño. Unha vez no río revisaranse as beiras e os arredores en busca de restos a limpar para estar de volta na Praza do Seixo ás 14:00 horas. Dende o Concello están estudando a posibilidade de facer unha exposición co lixo atopado no posto informativo de compostaxe que se habilitará no Biomercado.
A actividade está aberta a todos os públicos. Todas aquelas persoas interesadas en participar nesta recollida poden inscribirse en Limpeza Simultanea Ríos Tomiño aínda que non é imprescindible. Recoméndase levar roupa cómoda para camiñar, protección solar e gorra e calzado para a auga ou de recambio por se se molla durante a actividade.
O Concello facilitará ás persoas participantes luvas, posibles pinchos para recoller lixo en sitios pouco accesibles, sacos plásticos ou capachos para o lixo e auga para os voluntarios.
Dende a concellería de Medio Ambiente anímase a todos os tomiñeses a participar nesta actividade na que colaboran máis de 50 concellos de toda Galicia e coa que xa se conseguiu retirar miles de quilogramos de refugallos de moitos ríos galegos grazas as limpezas anteriores.